Preto de 1200 voluntarios recollen 7 toneladas de residuos en espazos naturais da comunidade

A oitava edición da gran recollida colaborativa de residuos 1m2 contra a basuraleza, que organizan SEO/Birdlife e Ecoembes no marco do Proxecto Libera e na que tamén colabora a Xunta, desenvolveuse o pasado sábado en 74 puntos de recollida de Galicia

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

Preto de 1200 voluntarios das catro provincias participaron o pasado sábado, 1 de xuño, na actividade 1m2 contra a basuraleza que desde 2017 organiza SEO/Birdlife en colaboración con Ecoembes e que desde o 2018 conta co apoio expreso da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

En total, recolléronse residuos cun peso de arredor de 7 toneladas, un 40% máis que na anterior edición. Entre os refugallos máis habituais destacan as cabichas, as latas de bebida, pezas de plástico pequenas, toallas hixiénicas e anacos de vidro.

A maiores, cómpre indicar que nesta oitava edición desta recollida selectiva cidadá, ademais do aumento do volume de residuos recompilados, tamén se incrementaron tanto os puntos de recollida -74 fronte aos 61 de 2023- como o número de voluntarios, que o ano pasado roldaron o milleiro de participantes. Estes datos confirman a concienciación sobre o impacto ambiental da basuraleza e amosan o compromiso da sociedade coa protección e a preservación do medio ambiente. A nivel nacional, foron 15.000 as persoas que participaron nas preto de 930 batidas organizadas en todo o país.

Trátase dunha iniciativa avalada por asociacións locais e colectivos apadriñados por Libera, como a Cruz Vermella. Ademais, cómpre destacar que tamén houbo administracións públicas que organizaron e promoveron batidas de limpeza en espazos dos seus propios termos municipais.

Con este tipo de campañas de sensibilización e mobilización social a través de accións de voluntariado contribúese a eliminar dos espazos naturais todo tipo de residuos, como poden ser cabichas, pneumáticos, envases plásticos e outros refugallos.

Cómpre lembrar que esta nova acción —na que participou persoalmente o director xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Ramón Boga— forma parte das limpezas periódicas enmarcadas na iniciativa 1m2 polas contornas —que inclúe tamén as accións de 1m2 por praias e mares, 1m2 por ríos, encoros e pantanos e 1m2 polo campo, os bosques e o monte—, cuxo obxectivo non é só liberar a natureza de lixo senón caracterizar e tipificar os residuos que se atopan en cada punto de limpeza, a través da aplicación da chamada ciencia cidadá.

Data de actualización: 05/06/2024