A Xunta destina preto de 9 M€ ao ‘Plan anual 2024 da cooperación galega’

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar a coñecer as principais liñas da iniciativa, que permitirá avanzar no cumprimento dos compromisos previstos no V Plan director da cooperación galega 2023-2026

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para afondar no Plan anual 2024 da cooperación galega, que conta cun orzamento inicial de case nove millóns de euros e que permitirá avanzar no cumprimento dos compromisos previstos no V Plan director da cooperación galega 2023-2026 no segundo ano de vixencia do mesmo.

Segundo sinalou Jesús Gamallo, un ano máis, séguese a apostar polas convocatorias públicas de axudas como principal instrumento de canalización de fondos, co fin de facilitar o concurso en concorrencia competitiva dos distintos axentes de cooperación. Neste sentido, estanse a destinar ás convocatorias máis dun 80% do orzamento operativo inicial de gasto. Do mesmo xeito, primaranse as actuacións das ONGD na xestión e canalización das axudas.

O director xeral referiuse tamén á liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia incluída no plan como “garante de que en 2024 a Xunta poida responder cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria”. Así, ademais dos 550.000 euros cos que se dotou a convocatoria de acción humanitaria, destinaranse máis de 300.000 euros a actuacións humanitarias e de emerxencia a través de convenios, como é caso dos que se van asinar coa Axencia de Nación Unidas para os Refuxiados Palestinos, UNRWA, ou con UNICEF, para axuda humanitaria a Gaza e Cisxordania.

O Consello da Xunta aprobou o Plan anual 2024 o pasado marzo, logo de ter recibido o visto e prace do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), que emitiu un informe favorable na súa reunión a comezos dese mesmo mes.

A comparecencia de hoxe enmárcase no cumprimento da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que incorpora no seu articulado a necesidade de informar ao Parlamento da aprobación polo Consello da Xunta dos plans anuais da Cooperación Galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024