O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou esta mañá a oficina de emprego de Navia en Vigo e reuniuse cos orientadores laborais da provincia de Pontevedra

José González destaca que a cifra histórica de paro acadada en maio en Galicia beneficia en especial colectivos como as mulleres e os menores de 30 anos

O conselleiro fixo fincapé en que o número de desempregados destes dous grupos é o máis baixo desde que hai rexistros (2005), no marco dunha cifra global de paro que tamén bate récord á baixa: nunca descendera das 123.000 persoas nos últimos 28 anos

Para consolidar a tendencia positiva, reafirmou a aposta por dar cobertura ás arredor de 15.000 vacantes laborais existentes en Galicia con medidas como a ferramenta pioneira EMi, que mediante intelixencia artificial casa oferta e demanda en tempo real

Dispoñible nas 54 oficinas de emprego galegas, EMi permite mellorar o perfilado competencial para aumentar a empregabilidade, ofrecendo información sobre as localidades onde hai máis oportunidades laborais para cada perfil profesional

Vigo, 5 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou hoxe a oficina de emprego de Navia, en Vigo, onde puxo de relevo os datos históricos de paro rexistrados en maio en Galicia, que beneficiaron en especial colectivos prioritarios como as mulleres e os menores de 30 anos.

Segundo dixo, é a primeira vez desde que hai rexistros (1996) que o desemprego en Galicia se sitúa por debaixo das 123.000 persoas (122.036), cun descenso tanto na evolución anual (-9,22%) como na mensual (-3,40%). Descende o paro nas sete grandes cidades (en Vigo, caeu un -10,14% con respecto a hai un ano), tamén nas catro provincias e en todos os sectores. Por colectivos prioritarios, as cifras de desempregados menores de 30 anos e de mulleres son as máis baixas desde que hai rexistros (2005). Canto ás afiliacións, conséguese o mellor dato dos últimos 15 anos (1.077.292 afiliacións).

Segundo o conselleiro, os datos demostran que as políticas activas de emprego están a funcionar, pero cómpre seguir traballando para cubrir as arredor de 15.000 vacantes laborais que hai en Galicia con medidas pioneiras no Estado como a ferramenta tecnolóxica EMi que conecta oferta e demanda en tempo real con intelixencia artificial.

En concreto, este software permite converter Emprego de Galicia nun servizo onde as empresas poidan localizar o mellor talento e ao que as persoas recorran para consolidar a súa traxectoria profesional. Así, o novo perfilado competencial dos demandantes de emprego contribúe a detectar mellor as competencias que se deben traballar para aumentar a empregabilidade. Ademais, dá información sobre as localidades onde están xurdindo as mellores oportunidades laborais para cada perfil.

Así mesmo, a Xunta aposta por continuar co programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que procura actualizar as demandas duns 32.000 inscritos nas listas do paro que son desempregados de longa duración, co fin de mellorar a eficiencia dos procesos de intermediación e formación -a través do que, en menos dun ano, contratáronse arredor de 3.200 persoas-.

Reunión con directores e orientadores laborais das oficinas de Pontevedra

Antes da visita á oficina de Navia, o conselleiro reuniuse na delegación da Xunta en Vigo cos directores das 18 oficinas de emprego da provincia de Pontevedra, así como co medio cento de orientadores laborais despregados nelas, dos arredor de 140 que ten a Xunta a dispor da cidadanía en toda Galicia.

No encontro tamén estivo o secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz.

A reunión serviu para afondar no imprescindible labor destes orientadores de cara a mellorar as oportunidades dos pontevedreses e pontevedresas de atopar un traballo estable e de calidade. Todos coincidiron en que a súa formación é clave para a creación dos itinerarios laborais das persoas desempregadas, dos que depende en boa medida o seu encaixe no mercado laboral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024