A Casa de Galicia en Madrid acolle a exposición Solpores e amenceres de Galicia, organizada polo Grupo Lúdica7

Madrid, 5 de xuño de 2024

O director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participou na inauguración da exposición Solpores e amenceres de Galicia, organizada por Lúdica7.

Esta exposición recolle fotografías realizadas por fotógrafos entusiastas da paisaxe galega en dous momentos do día: o amencer e o atardecer. A mostra forma parte dos libros editados conxuntamente por Clúster de Turismo de Galicia e Grupo Comunicación e Deseño Lúdica7 titulados Solpores de Galicia e Amenceres de Galicia.

Tal e como describe a mostra Xosé Manuel Merelles Remy, director xeral de Turismo de Galicia, e prologuista do catálogo, "desprégase ante nós un manto de luz e sombra, capturando a esencia etérea dos momentos máis místicos do día. As fotografías desta exposición son xanelas abertas ás escenas onde o tempo parece deterse, permitíndonos explorar desde o misterioso Encoro de Vilasouto, coas súas augas tranquilas reflectindo os últimos raios de luz, até o impoñente Monte Louro, onde o amencer rompe a escuridade coa promesa dun novo día. Cada imaxe seleccionada para esta mostra trae consigo a esencia dun lugar específico, desde as rúas empedradas de Santiago de Compostela, bañadas polo dourado do atardecer até os viñedos da Ribeira Sacra, onde o amencer viste as terrazas de viño cun manto de luz e cor."

Alfonso Freire Benito, editor de Lúdica7 lembrou ao público que é, ademais dun testemuño da habilidade dos fotógrafos para capturar a beleza efémera destes momentos, unha invitación a meditar sobre a nosa relación co universo, sobre o noso lugar no mundo.

Os fotógrafos que cederon de maneira desinteresada as súas imaxes e que conforman a exposición son: Miguel Iglesias, Pedro José García Flores, Josete Muñiz, Alejandro Piñero, Ana María García; Noel Feáns, Victor Flambó, Alfonso Sangiao, Cristina Macía, Sandra Domínguez, Paco Luna, Ana María García, Luís Vilanova, Fernando Facal, Paco Costa Lamas, Lunamarina, Daniel Villanueva, Berta García Jorge, Ana Martínez e Xuliana Martínez.

A exposición poderá visitarse nas salas Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro e da Casa de Galicia en Madrid, até o vindeiro domingo, 30 de xuño, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024