A directora xeral de Patrimonio Natural visitou esta formación natural do concello de Ribadeo

A Xunta estuda actuacións para mellorar o estado de distintos espazos na contorna da praia das Catedrais

Estanse a avaliar elementos como as pasarelas, os valados de protección, os pavimentos ou os locais de almacenaxe e servizos auxiliares

Os traballos que se acorden sumaranse á renovación da sinalización existente, unha mellora que o Goberno galego xa tiña previsto realizar para homoxeneizala e facela máis útil para os visitantes

Ribadeo (Lugo), 4 de xuño de 2024

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, visitou hoxe o monumento natural da praia das Catedrais para avaliar os distintos espazos que o conforman e ver posibles actuacións coas que mellorar o seu estado así como os elementos a disposición tanto do persoal que presta servizos auxiliares na contorna como dos visitantes.  

A representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que estivo acompañada polo alcalde de Ribadeo, explicou que entre os elementos que se están a revisar están as pasarelas existentes na zona ou os valados de protección cos que se impide o acceso das persoas ás áreas con maior risco de caída ou con vexetación autóctona protexida.

Os técnicos da Consellería e a directora xeral tamén avaliaron o estado do pavimento en distintas zonas próximas ao monumento natural para rexistrar posibles deficiencias froito do uso e das condicións meteorolóxicas da zona. Ao mesmo tempo, comprobouse o estado de distintos locais de almacenaxe e de uso por parte do persoal que traballa neste espazo natural -en tarefas de mantemento ou control de acceso, entre outras- co obxectivo de ver posibles melloras coas que facilitar o seu labor diario.

Os traballos que se acorden como consecuencia desta análise do estado de conservación dos distintos espazos sumaranse á renovación da sinalización existente na contorna da praia das Catedrais, unha actuación que xa estaba prevista previamente. Neste caso o obxectivo do Executivo galego é homoxeneizar a tipoloxía dos paneis e sinais existentes na zona simplificando os indicadores e concentrando a información nos novos paneis, facéndoos así máis útiles para os visitantes.

Data de actualización: 04/06/2024