A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou no Encontro Virtual Xunta-UE sobre A lei de restauración da natureza: Unha protección reforzada da biodiversidade europea

A Xunta salienta a súa aposta por garantir o equilibrio entre a conservación da biodiversidade e o desenvolvemento dos sectores produtivos

Ángeles Vázquez avoga porque a lei de restauración da natureza que se está a tramitar na UE garanta a convivencia entre a protección da riqueza ambiental da Comunidade e o futuro dunha das principais actividades económicas que se levan a cabo no seu rural

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reiterou hoxe a aposta do Goberno galego por garantir o equilibrio entre a conservación da biodiversidade e o desenvolvemento dos sectores produtivos.

Durante a súa participación no Encontro Virtual Xunta-UE sobre A lei de restauración da natureza: Unha protección reforzada da biodiversidade europea, organizado pola Fundación Galicia Europa, a conselleira incidiu na importancia de consolidar a Comunidade como un refuxio climático e un lugar idóneo para vivir.

Nesa liña, Ángeles Vázquez avogou porque a lei de restauración da natureza que se está a tramitar na Unión Europea garanta a “convivencia entre a protección da riqueza ambiental da Comunidade e o futuro das principais actividades económicas que se levan a cabo no territorio”.

Máis polo miúdo, a conselleira considerou que esa lei, ademais de establecer obxectivos realistas, debe evitar limiares que sitúen o sector primario europeo en desvantaxe competitiva co resto dos continentes. Así, a representante autonómica solicitou que a norma europea vaia acompañada dunha avaliación previa do impacto que podería ter sobre a produción de alimentos en Europa en relación con outros países.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2024