A Xunta premia sete centros escolares no certame ‘Cooperativismo no Ensino’

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o fallo dos galardóns que recaeron en colexios das localidades de Moaña, Tomiño, Vigo, A Coruña, As Pontes de García Rodríguez e Lugo

Repartíronse premios de entre 1.500 euros e 4.500 euros segundo a categoría

A iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pretende difundir o cooperativismo entre o alumnado de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

Un total de sete centros galegos das localidades de Moaña, Tomiño, Vigo, A Coruña, As Pontes de García Rodríguez e Lugo recibirán os premios do certame Cooperativismo no ensino co que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración busca difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o fallo dos galardóns do concurso que inclúe tres modalidades: de actividades artísticas dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial; actividades cooperativizadas para as alumnas e alumnos dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial; e de proxectos empresariais cooperativos destinado aos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

O certame está dotado con premios de entre 1.500 a 4.500 euros segundo a modalidade. Os alumnos e alumnas no desenvolvemento das actividades que presentan ao certame deben potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

En actividades artísticas resultaron gañadores na categoría destinada ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil: o CEIP Plurilingüe Domaio, de Moaña, polo traballo I volta arredor do sol cooperando; e o accésit recaeu no CEIP Pintor Antonio Fernández, de Tomiño, con Pequeno manual do cooperativismo: sementando a cooperación.

Na categoría para o primeiro e segundo curso de Educación Primaria resultaron galardoados o CEIP Plurilingüe Domaio, de Moaña, por Cooperar para preservar; e o accésit recaeu en Laberinto cooperativo do CEIP San Miguel de Reinante, en Barreiros.  

O premio ao mellor traballo da categoría de terceiro e cuarto de Educación Primaria recaeu en A que soa o cooperativismo? do CEIP Plurilingüe Domaio, de Moaña; e o accésit en Coopexogo de nen@s do CEIP San Miguel de Reinante, de Barreiros.

Por último, na cuarta categoría desta modalidade, a dirixida a quinto e sexto de Educación Primaria, resultou vencedor o traballo A cooperación, unha viaxe de ida e volta, do CEIP Plurilingüe Domaio, de Moaña; o accésit foi para o CEIP San Miguel de Reinante, en Barreiros, por Coopera que é historia.

Na segunda modalidade do certame, para actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial, recibirán o premio o Centro IES Castro da Uz, das Pontes de García Rodríguez, por Cooperativa Educativa RecreaT; e o accésit, o IES Valadares de Vigo por Cooperativa O monte vivo.

Mellor proxecto empresarial

A terceira modalidade do concurso para proxectos empresariais cooperativos premia a centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial. Nesta edición o premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo foi para Arroutada, Sociedade Cooperativa Galega presentado polo alumnado do IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña. O accésit será para SailingDog da Sociedade Cooperativa Galega Mendiño de Vigo.

Data de actualización: 04/06/2024