A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que Olga Macías é a viva imaxe de que Galicia é o mellor lugar do mundo para facerse maior

Fabiola García asiste ao 105 aniversario dunha usuaria da residencia de maiores de Campolongo

 A conselleira lembrou que Galicia está no punto de mira das investigacións internacionais sobre esperanza de vida e lonxevidade, como o estudo sobre as Blue Zones

Tamén salientou que, nos primeiros 100 días de goberno, o presidente Rueda creou máis de 1.000 prazas públicas en centros de atención diúrna e residencial, como prometera en campaña

Pontevedra, 4 de xuño de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, asistiu ao 105 aniversario de Olga Macías, a usuaria máis lonxeva da residencia de maiores de Campolongo, en Pontevedra. Durante a visita, aproveitou para darlle os parabéns e as grazas por toda unha vida de esforzo e por formar parte dunha xeración á que debemos a Galicia que hoxe coñecemos.

A conselleira tamén a felicitou por ser a viva imaxe de que a nosa comunidade é o mellor lugar do mundo para facerse maior, grazas á aposta da Xunta por medidas neste sentido, e asegurou que seguirá traballando para que Galicia ofreza aos seus maiores a atención e os coidados que merecen.

Fabiola García destacou, ademais, que a nosa comunidade está no punto de mira de investigacións internacionais sobre esperanza de vida e lonxevidade. A semana pasada, o profesor emérito da Universidade Católica de Louvain Michel Poulain, fundador do proxecto Blue Zones, desenvolveu o traballo de campo do seu estudo na nosa comunidade para determinar se é unha das seis rexións do mundo cos mellores estándares de calidade de vida para os maiores.

A conselleira tamén salientou que, como prometera en campaña, o presidente Rueda creou máis de 1.000 prazas públicas en centros de atención diúrna e residencial nos primeiros 100 días de goberno. 

Reforma da residencia

Ao mesmo tempo, dende o Goberno galego segue apostándose polas obras de mellora deste tipo de instalacións. No caso de Campolongo, a Xunta investiu 3,6 millóns de euros para reorganizar as zonas de enfermería e o comedor, crear un espazo exterior para os residentes, e reforzar a accesibilidade da segunda planta, para os usuarios con maior dependencia.

Tamén se renovará o illamento do edificio, coa mellora da envolvente térmica do edificio e das carpinterías exteriores, e substituiranse, ademais, os ascensores e as dúas caldeiras de gasóleo por outras de biomasa. Os traballos comezaron en febreiro, cun prazo de execución previsto de 18 meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2024