A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático entregou esta mañá o documento ao presidente da Cámara autonómica

A Xunta entrega ao Parlamento o segundo informe de seguimento da Axenda 2030, que confirma os avances de Galicia no eido do desenvolvemento sostible

Ángeles Vázquez salienta que os resultados galegos nos últimos anos en canto ao grao de implantación dos 17 obxectivos fixados pola ONU superan á media nacional

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

A Xunta entregou esta mañá ao Parlamento de Galicia o segundo informe de seguimento da Axenda 2030, un documento no que se recollen os principais avances acadados na comunidade nos últimos anos en canto aos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) fixados pola Organización das Nacións Unidas (ONU).

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo entrega da memoria en soporte dixital ao presidente da Cámara autonómica, Miguel Santalices, ao que lle trasladou que Galicia continúa avanzando a bo ritmo cara ao cumprimento destes obxectivos, situándose en todos eles por riba dos resultados a nivel nacional.

Cómpre lembrar que a Axenda 2030 foi aprobada en 2015 pola como un plan de acción en favor das persoas, do planeta e da prosperidade no que se fixan un total de 17 ODS a alcanzar antes do ano 2030. Nesta folla de ruta propuxéronse tamén 169 metas cuxo cumprimento se validará a nivel mundial, nacional e rexional a través da análise de 239 indicadores marcados pola ONU.

Así, este segundo informe de seguimento, elaborado en 2022, analiza 60 destas metas, pertencentes a 16 dos 17 ODS —para o obxectivo número 14 non hai datos a nivel autonómico—, e 172 indicadores centrados en cuestións globais de interese común.

Aínda que a maioría dos indicadores presentan en Galicia unha tendencia positiva, destaca, especialmente, a evolución no apartado de Auga limpa e saneamento (ODS número 6), Enerxía accesible e non contaminante (7) ou Vida dos ecosistemas terrestres (15), nos que todos os indicadores avaliados experimentaron avances notables.

Ademais, a evolución da comunidade no eido da sustentabilidade é mellor que a do conxunto do país. De feito, o informe constata que para todos os ODS os resultados de polo menos a metade dos indicadores analizados son mellores a nivel galego que estatal.

En todo caso, a diferencia máis notable atópase en 5 obxectivos —Fin da pobreza (ODS 1), Saúde e benestar (3), Igualdade de xénero (5), Redución de desigualdades (10) e Cidades e comunidades sustentables (11)— nos que Galicia presenta resultados por riba da media nacional en máis do 75% dos indicadores avaliados, rozando mesmo nalgún caso o 100%.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2024