A Cidade da Cultura celebra o Día da Música cun concerto de Budiño acompañado por novos talentos do ‘neo-tradicional’ galego

As voces, percusión, guitarra, electrónica e acordeón de Tania Caamaño, Inés Salvado (De Vacas), Andrés Boutureira e Fran Barcia, sumaranse ao gaiteiro no escenario da Praza central do Gaiás

Budiño presentará o seu último disco, ‘Branca vela’, unha obra coral na que segue a explorar a combinación de ritmos tradicionais coa vangarda electrónica 

O concerto será o venres 21 de xuño ás 21 horas, con entrada de balde

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia celebra na Cidade da Cultura o Día da Música con Budiño, un dos músicos galegos máis internacionais, que presentará o seu último disco nun concerto gratuíto o venres 21 de xuño no Gaiás. O gaiteiro virá acompañado para a ocasión dun elenco de novas voces e talentos do neo-tradicional galego, cos que comparte o seu amor pola música de raíz e a vontade de experimentar coa electrónica.

A guitarra, o acordeón, a percusión tradicional, os arranxos electrónicos e as voces de Tania Caamaño, Mónica de Nut, Fran Barcia e Andrés Boutureira virán a sumarse a Budiño nun espectáculo alegre e potente que promete facer bailar a públicos de todas as idades.

O concerto servirá tamén para presentar na capital galega Branca Vela, o seu álbum máis recente. Un traballo no que o moañés recupera o instrumento que lle deu sona internacional, a gaita, aínda que esta lle ceda o protagonismo á voz cun amplo número de colaboracións, á marxe da banda que o acompañará na Cidade da Cultura.

As voces de Branca Vela

Desde as voces do Coro da Ruada —recuperadas dunha gravación de 1929— en Donón, tema que abre o álbum, ata o acompañamento do grupo Leilía en Branca Vela ou o propio Budiño e Guadi Galego cantando a dúo a letra composta polo escritor Manuel Rivas en O Tolo de Abril, o disco caracterízase por ser unha obra compositiva coral que conxuga o tradicional coa vangarda, e as grandes voces do país co talento máis actual dentro do folk e o neo-tradi galego.

O listado de colaboracións do disco complétase con De VACAS (no tema Fonte de namorar), Tania Caamaño (en Romaría do Caravel), Diego Cabaleiro en Serán de Niñóns, a poeta Antía Otero que pon as letras á voz en off de Uxía en Tren Hotel, e os coros de Libeliñas e Tarandeiras de Xacarandaina na peza infantil Un dragón de pé.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2024