Sanidade actualizará as actividades do Rexistro de empresas e establecementos alimentarios e incorporará todas as realizadas no comercio polo miúdo

Deste xeito, engádense ao Rexistro os locais ambulantes ou provisionais como son as carpas, os almacéns de apoio e as instalacións nas que se realizan operacións de venda á persoal consumidora final

O decreto facilita a relación dos administrados coa Xunta, a través da actualización dos procedementos de declaración responsable para o inicio da actividade no comercio polo miúdo

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024

O Goberno galego actualizará o catálogo de actividades recollidas no Rexistro galego sanitario de empresas e establecementos alimentarios (Regasa), incorporando á definición de establecemento de comercio polo miúdo aos locais ambulantes ou provisionais como é o caso das carpas, postos e vehículos de venda ambulantes, os almacéns de apoio e as instalacións nas que, con carácter principal, se realizan operacións de venda á persoa consumidora final e establece requisitos na produción e comercialización para determinados establecementos.

O Consello da Xunta, na súa reunión semanal, abordou un informe da Consellería de Sanidade, referido ao proxecto de decreto polo que se regula este rexistro e se establecen requisitos de hixiene na produción e comercialización para determinados establecementos. Este proxecto da Xunta traslada á regulación autonómica o disposto no Real Decreto 1021/2022, do 13 de decembro.

Cómpre remarcar que o Rexistro galego sanitario de empresas e establecementos alimentarios (Regasa) ten como finalidade a protección da saúde pública e dos intereses dos consumidores, facilitando o control oficial das empresas, locais e establecementos sometidos a inscrición, que son aqueles que exercen a súa actividade comercial en Galicia cando esa actividade consista en manipular, preparar, elaborar ou transformar, almacenar ou servir alimentos para a súa venda ou entrega á persoa consumidora final ou a unha colectividade, in situ ou a distancia, con ou sen repartición a domicilio.

O texto componse de 17 artigos agrupados en catro capítulos. O primeiro contén disposicións xerais relativas ao seu obxecto. O segundo refírese ao Rexistro galego sanitario de empresas e establecementos sanitarios e ao procedemento de inscrición. O terceiro aborda as condicións de comercialización e o cuarto recolle o réxime sancionador.

O decreto establece condicións específicas para a subministración de alimentos de produción propia e produtos de orixe animal entre establecementos de comercio polo miúdo; así como as condicións de comercialización de alimentos preparados en locais utilizados como vivenda privada e os requisitos para os almacéns de apoio dos establecementos de venda polo miúdo.

No procedemento de notificación de inicio de actividade contemplado neste decreto, establécese o contido mínimo da declaración responsable que, a efectos de inscrición da actividade no rexistro autonómico, debe presentar ante a autoridade competente o operador que elabora alimentos en locais utilizados principalmente como vivenda privada.

 

Data de actualización: 03/06/2024