A directora xeral de Xuventude visita o centro residencia xuvenil ‘Lug I’, en Lugo, na que se prevé incrementar as prazas para o vindeiro curso

Lara Meneses destaca o papel da rede de residencias xuvenís da Xunta no apoio á formación académica da mocidade

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude oferta este curso 2023/2024 máis de 224 prazas, das cales un 9% están reservadas para vítimas de violencia de xénero

Lugo, 3 de xuño de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, destacou hoxe o importante papel que ten a rede de residencias xuvenís da Xunta de Galicia á hora de que a mocidade poida contar con recursos que “lle faciliten poder desenvolver a súa formación académica”. Fíxoo nunha visita hoxe a residencia xuvenil ‘Lug I’, situada na cidade de Lugo, e sobre a que adiantou que se ten previsto incrementar en seis prazas as 75 actuais que ofrece, “co que seguimos a reforzar esta rede de apoio de cara a que a xente moza poida centrarse no seus estudos”, valorou.

Acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a directora xeral de Xuventude visitou as instalacións e participou nun encontro cun grupo de residentes e de estudantes bolseiros do centro e puido coñecer de primeira man as tarefas de dinamización e as actividades de información xuvenil que levaron a cabo ao longo do curso académico.

Cómpre lembrar que a  Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dispón de instalacións que durante o curso académico funcionan como residencias xuvenís, que se poñen á disposición dos estudantes, reservando un 9% para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen ou teñan aberto un expediente de protección.

224 prazas en toda a rede

Neste curso, foron un total de 224 prazas as ofertadas a través desta rede que ademais da residencia Lug na cidade da Muralla, conta coa Florentino López Cuevillas, en Ourense e a de Altamar, na cidade de Vigo. As prazas van dirixidas a rapaces e rapazas entre 16 e 30 anos, que estean a cursar estudos de bacharelato, formación profesional, ciclos formativos, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, doutorados ou estudos de mestrados universitarios oficiais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2024