Belén do Campo destaca o labor de Padre Rubinos que leva máis de cen anos axudando aos que máis o necesitan

A delegada da Xunta tamén recibiu, esta mañá, aos representantes da Asociación Galega de Lupus para coñecer os seus proxectos e iniciativas

A Coruña, 3 de xuño de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe a residencia e centro de día para persoas maiores de Padre Rubinos, que conta con prazas financiadas pola Xunta de Galicia. Durante a visita a representante do Goberno autonómico tivo a ocasión de conversar co persoal e usuarios destes servizos.

A delegada destacou que a entidade coruñesa é todo un referente nos servizos de atención aos maiores, inclusión social e atención á infancia. Ademais puxo en valor o traballo que realiza esta entidade de apoio ás familias máis vulnerables a través do seu centro de atención continuada, o albergue e o comedor social. A delegada reiterou o compromiso da Xunta para seguir colaborando con Padre Rubinos, apoiando tanto o funcionamento dos seus centros como os seus programas, dirixidos á inserción sociolaboral e á inclusión residencial de persoas sen fogar. De feito, o Executivo autonómico concedeu a esta organización achegas económicas por máis de 320.000 euros nas últimas convocatorias da orde de axudas para entidades de iniciativa social e a que se corresponde co IRPF.

"Padre Rubinos leva cen anos axudando a quen máis o necesitan", recalcou a delegada, antes de subliñar que os galegos están "cada vez máis orgullosos" do terceiro sector, ao que trasladou o seu agradecemento polo labor que desempeñan

Reunión Agal-Lupus

A delegada da Xunta tamén mantivo, esta mañá, un encontro cos representantes da Asociación Galega de Lupus (Agal) para coñecer os seus proxectos e iniciativas. No encontro fixo un recoñecemento ao esforzo que fan os familiares destes pacientes e aos profesionais que se dedican a atendelos. Ademais, avogou por manter as liñas de colaboración coa entidade para avanzar nos tratamentos e na diagnose do Lupus.

Belén do Campo destacou que AGAL colabora de forma activa co Goberno galego formando parte do Consello Asesor de Pacientes, órgano de asesoramento do Servizo Galego de Saúde que ten como finalidade avanzar na mellora da seguridade de pacientes, familiares e persoas coidadoras e en incrementar a calidade dos servizos sanitarios. Tamén participa nas actividades da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, organismo orientado á formación de pacientes, familia e cidadanía en materia de saúde. Neste senso, a delegada puxo en valor o excelente traballo desta entidade, creada en 1997, orientada a acadar unha mellor calidade de vida para as persoas con lupus e as súas familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2024