Ana Ortiz dá a benvida a 30 sumilleres nacionais que se converterán en “difusores do noso patrimonio gastronómico” a través do congreso ‘Destino Galicia’

A delegada territorial da Xunta entregou os diplomas acreditativos aos participantes no evento organizado pola Asociación de Catadoras de Galicia

Vigo, 3 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, deu a benvida este luns aos participantes no evento Destino Galicia que reúne durante dous días a 30 sumilleres de todo o territorio nacional. A representante autonómica recibiu ao grupo de profesionais da enoloxía e restauración que visitan Galicia no evento organizado pola Asociación de Catadoras de Galicia.

“Sodes os mellores difusores do noso patrimonio gastronómico e grazas a vós a calidade dos nosos produtos traspasan todas as fronteiras”, sinalou durante a recepción celebrada na Delegación Territorial, na que tamén estivo presente o presidente da Asociación de Sumilleres de Galicia, Juanjo Figueroa Treus.

O congreso Destino Galicia consiste na visita de 30 catadores do territorio nacional mesturando catadores en último ano de estudo e catadores en activo para poder facer un percorrido polos produtos de Galicia para convertelos en embaixadores da nosa gastronomía e a nosa marca.

Os participantes realizan a visita a dúas das zonas máis importantes do viño de Galicia, e fan algunha demostración de gastronomía. Tamén reciben unha clase maxistral acerca das calidades das dez zonas de viño de Galicia e as súas características.

A Asociación de Catadoras de Galicia (Agasu) é a encargada de realizar este evento. En colaboración coa Xunta de Galicia a directiva da asociación convértense en anfitrións e docentes dos catadores para facer un labor de divulgación e conseguir que estes leven ao seu destino a riqueza da nosa terra e teña importancia nos seus negocios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2024