A Xunta convoca 13 bolsas de formación en materia de vivenda para titulados universitarios

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con máis 196.800 euros para financiar esta iniciativa formativa, incluíndo tamén a achega á Seguridade Social

Os bolseiros desenvolverán a formación no Instituto Galego de Vivenda e Solo durante un período de 12 meses, susceptibles de ampliación por 6 meses máis

Convócanse 5 bolsas para titulados no grao en Arquitectura, 1 para Arquitectura Técnica, 6 para Dereito e 1 para Economía

O prazo de presentación de solicitudes é de 1 mes contado a partir de mañá

Os bolseiros deben ter rematado o grao exixido con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020, acreditar competencia en lingua galega no nivel Celga 4 e non ter emprego remunerado no momento da solicitude

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2023

A consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), convoca 13 bolsas de formación en materia de vivenda para titulados universitarios.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta nova convocatoria, á que se destinará un orzamento de 196.800 euros para financiar esta iniciativa formativa, incluíndo tamén a achega á Seguridade Social. Ademais sumarase o custe do seguro de responsabilidade civil para accidentes.

Os bolseiros desenvolverán a súa formación no Instituto Galego de Vivenda e Solo durante un período de 12 meses, susceptibles de ampliación por 6 meses máis.

O obxectivo da Resolución é convocar 5 bolsas para titulados no grao en Arquitectura, 1 bolsa para o caso de Arquitectura Técnica, 6 para graduados en Dereito e 1 en Economía.

Os beneficiarios destas prácticas contarán cunha retribución económica de 1.200 euros brutos ao mes.

Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias desta iniciativa son todas aquelas persoas que no momento de presentar a solicitude reúnan unha serie de requisitos, como ter rematado o grao esixido con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.

Os demandantes da citada bolsa tamén deben ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4 ou superior, non ter sido obxecto doutra iniciativa de formación do IGVS ou doutra similar nin ter emprego remunerado.

Esta convocatoria dálle continuidade ás que vén realizando o Instituto Galego da Vivenda e Solo nos últimos anos. Así, os bolseiros da última convocatoria atópanse xa en pleno desenvolvemento da súa formación, restándolle 6 meses de duración da prórroga da bolsa.

O Goberno galego, con este tipo de iniciativas, continúa a facilitar a realización de prácticas complementarias aos estudos teóricos e favorecer o acceso ao mercado laboral de estudantes que rematasen recentemente a súa formación superior.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal/) no prazo dun mes, a contar desde mañá. No seguintes enlaces ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240603/AnuncioC3Q2-220524-0005_gl.html e https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240603/AnuncioC3Q2-220524-0006_gl.html.

 

Data de actualización: 03/06/2024