A Xunta inviste case 2,7 millóns de euros en incentivar a contratación de persoas mozas no marco da aposta pola entrada deste colectivo no mercado laboral

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas concedidas ao abeiro da orde de 2023 para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, téndose logrado case 300 contratos

Forma parte das medidas a prol da empregabilidade da xente nova, entre as que está o novo programa de 1ª experiencia profesional anunciado polo presidente Alfonso Rueda para os primeiros 100 días da lexislatura e que ten o prazo de solicitude aberto

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que dá publicidade ás axudas concedidas por 2.691.000 euros para incentivar a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil. No marco da orde do ano pasado ao efecto, impulsáronse en total 291 contratos dun mínimo de 9 meses de duración a xornada completa, co obxecto de proporcionarlles a estas persoas unha práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.

Cómpre lembrar que as beneficiarias desta convocatoria eran persoas empregadoras ou empresas, calquera que fose a súa forma xurídica, que contratasen por conta allea a menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil. Cunha contía de 9.000 euros por persoa contratada, os contratos podían ser de dous tipos: de formación en alternancia ou destinados á adquisición de práctica profesional.

Galicia cumpre

Esta medida compleméntase este ano con outras novidosas como o programa de 1ª experiencia profesional co que a Xunta incentiva a contratación de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens. Trátase dunha das medidas anunciadas polo presidente Alfonso Rueda para os primeiros 100 días da lexislatura.

Cun orzamento global próximo aos 4,2 millóns de euros e con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa contratada, a previsión é incorporar neste caso entre 250 e 410 persoas en toda a Comunidade mediante contratos formativos de 12 meses de duración, dotándoas de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade.

As persoas e entidades interesadas teñen ata o 30 de setembro para presentar as súas solicitudes de axuda ao abeiro deste programa mixto, que ademais de impulsar con apoios económicos a contratación a tempo completo, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional moi demandadas polo mercado laboral.

Trátase de medidas da Xunta para o fomento do emprego xuvenil, unha firme aposta con políticas deseñadas especificamente para este sector de poboación. Neste plan, ademais das iniciativas mencionadas, enmárcase o programa Investigo para a xeración de emprego xuvenil no eido da investigación e dotado este ano con 4,8 millóns de euros, así como os obradoiros de emprego para persoas mozas que contan cun orzamento de 6,5 millóns de euros para este exercicio e o vindeiro.

A maiores, cómpre engadir convocatorias como o programa Galicia Emprega, que ten unha achega específica de 3 millóns de euros dirixida á contratación indefinida de persoas menores de 30 anos.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240603/AnuncioG0767-220524-0002_gl.html

 

Data de actualización: 03/06/2024