Manuel Pardo salienta a oportunidade da estratexia enoturística de Valdeorras para impulsar a comarca

Na inauguración da XXV Feira do Viño, o delegado da Xunta en Ourense puxo en valor a folla de ruta incluída no Plan Territorial deseñado pola Xunta con fondos europeos

O Barco de Valdeorras (Ourense), 1 de xuño de 2024

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, salientou a oportunidade que o Plan de Sustentabilidade Turística de Valdeorras ao redor do viño suporá para impulsar turísticamente este destino. Como dixo, esta folla de ruta dotada con 1,5M€ e incluída no Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Enogastronomía de Galicia deseñado pola Xunta con fondos europeos, será unha ferramenta clave para a comarca nos vindeiros anos. Así o manifestou no transcurso da inauguración da Feira do Viño de Valdeorras, onde estivo acompañado pola directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez.

Baixo o lema ‘Ruta do Viño Milenaria’, o delegado da Xunta salientou a inclusión de medidas e ferramentas de dixitalización capaces de impulsar a ruta do viño na comarca, o turismo industrial, ou a rede de miradoiros en puntos de interese paisaxístico e patrimonial, entre outras. Manuel Pardo falou, ademais, da potencialidade do rural de Galicia, “onde o enoturismo se presenta como elemento fundamental para dalo a coñecer pero tamén como un elemento singular da nosa oferta turística”.

Durante a súa intervención, o delegado en Ourense afirmou que “Galicia gusta”, tal e como demostra o feito de que o pasado ano recibise máis de 7 millóns de turistas e que no que vai de cuadrimestre, xa visitaron a Comunidade máis de 1 millón de persoas deixando os mellores niveis de rendibilidade hoteleira desde que hai rexistros.

Referíndose a Feira do Viño de Valdeorras, subliñou que se celebra “nun territorio que ten moito que ofrecer en canto a paisaxe, patrimonio, cultura, tradición e por suposto, cunha estupenda gastronomía na que o viño ten un lugar moi destacado”. Neste sentido, tivo palabras de agradecemento para o Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras que o completo programa da Feira, “non só pon o acento nos viños producidos nesta produtiva zona, senón que tamén recalca a importancia da contorna natural na que medran as vides; as técnicas tradicionais de produción combinadas coa aposta pola innovación das adegas”, sen esquecer o valor das xentes que transmiten unha cultura baseada no viño.

Data de actualización: 01/06/2024