A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na Gala da Industria e a Enerxía de Galicia organizada polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia

A Xunta aspira a converter Galicia nunha capital verde europea cun modelo industrial sustentable e respectuoso co medio ambiente

Eloxia a aposta que están a facer as empresas pola sustentabilidade, as enerxías renovables e a dixitalización 

Pon en valor que en Galicia a transición enerxética xa está en marcha e que a enerxía é hoxe un vector de competitividade para a industria

Vigo, 31 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a Xunta seguirá traballando para converter Galicia nunha capital verde europea cun modelo industrial sustentable e respectuoso co medio ambiente.

Durante a súa intervención na Gala da Industria e a Enerxía de Galicia organizada polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Lorenzana eloxiou a aposta que están a facer as empresas pola sustentabilidade, as enerxías renovables e a dixitalización.

A titular de Economía e Industria apuntou que en Galicia a transición enerxética xa está en marcha e destacou que a enerxía é hoxe un vector de competitividade para a industria  nun contexto no que o Índice de Produción Industrial (IPI) do sector da enerxía creceu na Comunidade galega un 31,8% con respecto ao ano pasado.

Neste sentido, Lorenzana puxo en valor o modelo que está a desenvolver a Xunta baseado no binomio industria-enerxía e que ten o obxectivo de vincular o futuro desenvolvemento industrial en Galicia ás enerxías renovables. Segundo explicou, o factor enerxía é fundamental para a industria, tanto para os novos proxectos industriais que buscan implantarse en Galicia, como para os que xa están asentados e que poden estar en risco de deslocalización. 

Finalmente, María Jesús Lorenzana avogou por seguir apostando por proxectos de enerxías renovables co obxectivo de xerar riqueza no territorio. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024