A Xunta contribúe a eliminar dous puntos de vertido de augas residuais urbanas a afluentes do río Anllóns, no concello de Coristanco

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron as incidencias en inspeccións rutineiras  

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2024

A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar dous puntos de vertido de augas residuais urbanas que afectaban a dous afluentes do río Anllóns, no concello de Coristanco.

O primeiro deles chegaba ao rego da Balsa, ao seu paso pola parroquia de Traba, e procedía dunha rede unitaria que evacuaba as augas residuais do lugar de Buxán, así como as augas pluviais. O segundo producíase directamente ao río Vao, no lugar da Ponte Pequena, e aportaba augas residuais sen depurar procedentes da rede de saneamento dos lugares de San Paio e Fornelos.

Os técnicos do ente dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático localizaron a primeira incidencia no transcurso das inspeccións rutineiras que realizan no ámbito da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e a segunda no marco dos labores de revisión da rede fluvial no concello de Coristanco.

Ante esta situación, o persoal do Programa de Control de Vertidos informou ao Concello co obxectivo de que adoptase as medidas oportunas para corrixir as dúas deficiencias e iniciou un seguimento de ambos puntos de vertido e das actuacións realizadas polo Goberno local na zona.

No caso do rego da Balsa, os profesionais de Augas de Galicia constataron mediante a realización dunha nova análise a ausencia de contaminación na contorna trala segregación e condución das augas residuais xeradas nesa zona cara a depuradora de Traba, co que quedou eliminado o punto de vertido.

Mentres, os técnicos comprobaron a solución da incidencia ao río Vao trala posta en funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Paio, pois o Concello executou a conexión das augas residuais da zona cara esta depuradora.

Data de actualización: 01/06/2024