A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta estuda colaborar co Concello de Oroso no proxecto para remodelar a avenida da Grabanxa

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia estudará vías para poder colaborar co Concello de Oroso no proxecto municipal para remodelar a avenida da Grabanxa, tal e como acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Alexander Doval, nunha reunión que mantiveron recentemente.

Nesa liña, a conselleira e o rexedor avaliaron a posibilidade de que o Goberno galego colabore na humanización desta vía aportando financiamento para a renovación das redes de canalización de pluviais así como de abastecemento e saneamento de auga.

A maiores, tamén en materia de saneamento, o alcalde trasladoulle á conselleira a necesidade de levar a cabo unha serie de melloras na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sigüeiro de cara a acadar un nivel óptimo de funcionamento.

Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

Ademais, no encontro, Vázquez Mejuto e Doval avaliaron a iniciativa municipal para mellorar o paseo ao longo do río Tambre desde O Portiño ata Piñeirón, na parroquia da Gándara, coa instalación dunha pasarela de madeira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2024