Os trens turísticos da Xunta reanúdanse hoxe coa primeira saída da ruta dos faros co 100% de ocupación

Este itinerario tamén terá saídas nos meses de xullo, agosto e setembro, para os que aínda quedan billetes dispoñibles para varias datas

Durante este mes de xuño tamén circularán a Ruta MEGA e A Coruña de 1906, a dos Mosteiros, a das Rías Baixas e a das Mariñas

Santiago de Compostela (A Coruña), 1 de xuño de 2024

A campaña dos trens turísticos da Xunta retoma hoxe sábado a súa andaina da man do tren da Ruta dos Faros, que na súa primeira saída alcanzou practicamente o 100% de ocupación. Trátase dunha viaxe que comezará e culminará na Estación de tren de Ferrol tras visitar Cabo Ortegal, o mirador de Vixía Herbeira, o Santuario de Santo André de Teixido e o Cabo Estaca de Bares. Os participantes tamén poderán coñecer Viveiro e os acantilados de Loiba. Este itinerario da Ruta dos Faros terá novas saídas o 6 e 20 de xullo, o 3 e 31 de agosto e o 7 de setembro, para as que aínda quedan billetes dispoñibles. 

Durante o mes de xuño tamén se realizarán as primeiras saídas da ruta MEGA e A Coruña 1906 (o sábado 8 de xuño), no que se poderán visitar a cidade herculina, o MEGA e o Concello de Abegondo; a Ruta dos Mosteiros será a proposta que chegará o terceiro sábado de xuño, o sábado 15, coa que se convidará os participantes a coñecer o chamado ‘Versalles galego’, o Pazo de Oca, para logo visitar o Mosteiro do Carboeiro, o templo de Vera Cruz, no Carballiño, e o Mosteiro de Oseira.

O sábado 22 de xuño sairá a Ruta das Rías Baixas, cunha proposta de visitas á adega do Pazo Baión, ao conxunto monumental de Fefiñáns e, tras un percorrido pola ría de Vigo, á illa de San Simón. As saídas para os trens turísticos do mes de xuño complétanse coa que haberá o sábado 29 co percorrido polas Mariñas que partirá de A Coruña e chegará a Ferrol tras percorrer as Mariñas e Terras de Mandeo, visitando Betanzos, Paderne, e Pontedeume. De volta en Ferrol, realizarase un paseo pola ría e outro polo barrio da Magdalena.

Cada ruta do dos Trens Turísticos de Galicia ten unha duración dun día e ademais do percorrido en tren, a iniciativa inclúe un servizo de guías oficiais de Galicia durante a viaxe, xunto con traslados complementarios en autobús e entradas aos puntos de interese. A programación completa dos Trens Turísticos de Galicia xunto con toda a información para a reserva e a compra de billetes pódese consultar na web de Turismo de Galicia, aínda que os billetes tamén se poden mercar en calquera estación de Renfe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2024