O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe no evento organizado pola Irmandade de Centros Galegos en Euskadi na localidade vasca de Pasaia

José González celebra o XXXV Día de Galicia no País Vasco reafirmando o apoio da Xunta ás entidades galegas de todo o mundo

O representante autonómico destacou as achegas para garantir o funcionamento, actividades e bo estado das sedes destas entidades ou os diferentes programas para que manteñan o vínculo coa nosa terra

Apostou por seguir tecendo redes e estreitando lazos coa emigración, porque estes vencellos -dixo- “serán sempre sinónimo de crecemento e progreso”

Pasaia (País Vasco), 2 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe na celebración do XXXV Día de Galicia no País Vasco organizado pola Irmandade de Centros Galegos en Euskadi na localidade de Pasaia. Alí, puxo en valor esta iniciativa apoiada pola Xunta, ao tempo que recordou os potentes programas e axudas dispoñibles para as entidades e persoas galegas no exterior co gallo de reforzar os seus lazos coa nosa terra.

Na súa intervención, o conselleiro amosouse convencido de que Galicia non sería Galicia sen os centos de milleiros de galegos espallados polo mundo que fan da nosa terra -dixo- unha “terra universal e infinita, variada, multicultural e rica”. Tamén aproveitou para agradecer ao País Vasco ser terra de acollida para tantos galegos, apoiándoos “para que poidan manter vivas as súas tradicións e cultura”.

Nese senso, agradeceu a presenza de autoridades do goberno autonómico vasco e locais, ademais da do presidente da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi. Tamén a do pregoeiro do acto, o profesor universitario xa xubilado Xosé Estévez, natural de Quiroga e perfecto exemplo de galego que desenvolveu a súa traxectoria profesional no País Vasco.

Apoio da Xunta 

Para contribuír á calidade de vida destes galegos no mundo, José González referiuse ás axudas da Xunta dirixidas ás entidades galegas do exterior, tanto colaborando para garantir o seu funcionamento e actividades sociais e culturais, como favorecendo que as súas sedes sociais estean nas mellores condicións.  

Así mesmo, para fortalecer as súas actividades culturais existe un programa de obradoiros cos que se levan profesores de distintas especialidades culturais aos centros galegos espallados polo mundo, e de escolas abertas para mellorar o coñecemento técnico dos profesores deses centros galegos.

O conselleiro concluíu apelando na nova etapa a seguir tecendo redes e estreitando lazos, convencido de que os vínculos que nos unen cos galegos no mundo -dixo- “serán sempre sinónimo de crecemento e progreso”. Nesa liña, engadiu que é un feito que a Galicia que emigraba é hoxe tamén a Galicia que retorna, unha volta que -enfatizou- tamén se está promovendo desde a Xunta con distintas políticas en marcha.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2024