A Xunta apoia a 17ª edición do maratón de fútbol sala de Castroverde, que se celebra do 7 ao 9 de xuño

A Delegación Territorial de Lugo acolleu a presentación do torneo, que ten aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 5 de xuño e espera reunir uns 24 equipos

Lugo, 31 de maio de 2024

A Xunta colabora co Maratón de Fútbol Sala de Castroverde, que se celebra a fin de semana do 7 ao 9 de xuño no pavillón polideportivo da Ferrería. Está organizado polo club Castroverde FS.

A Delegación Territorial da Administración autonómica en Lugo acolleu hoxe a presentación do programa, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; a presidenta e o vicepresidente da entidade deportiva, María Ubaldina García e Borja López; e os xogadores Lino López e Sergio Ferreiro, entre outras persoas.

O prazo de inscrición está aberto ata o 5 de xuño e a organización espera reunir uns 24 equipos de fútbol sala nesta edición. Polo momento hai 20 inscritos, a maioría deles da provincia de Lugo pero tamén doutras localidades da Coruña e Ourense. Haberá premios e trofeos para os primeiros clasificados.

A programación inclúe actividades paralelas, como animación musical cun DJ que actuará os tres días e un torneo de tute. Desenvolveranse nunha zona habilitada pola organización no exterior do recinto deportivo da Ferrería.

Javier Arias felicitou ao Castroverde FS por promover este encontro co que “contribúen a dinamizar o concello” ao tempo que lles serve de impulso para o funcionamento do club durante todo o ano e para seguir apostando polo seu crecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024