O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asiste no castelo de Ribadavia á celebración da súa oitava edición

López Campos salienta que a homenaxe de No bico un cantar á Xeración Nós demostra a “vixencia do seu legado extraordinario” entre os máis novos

O grupo, formado por estudantes dos conservatorios galegos de música profesional, de centros de ensino musical de concellos galegos e parte do coro infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia, interpreta poemas de Otero Pedrayo, Risco e Álvaro de las Casas

A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, a dirección do mestre Maximino Zumalave e o acompañamento da formación Hércules Brass

Ribadavia (Ourense), 31 de maio de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe no castelo de Ribadavia ao concerto de No bico un cantar, unha proposta apoiada pola Xunta de Galicia que reuniu un coro de máis de 350 nenos e nenas para homenaxear a Xeración Nós e co que considerou que queda demostrada “a vixencia do seu legado extraordinario” entre os máis novos.

López Campos puxo en valor este proxecto por ter unha clara vocación de divulgación da cultura galega entre as novas xeracións, ao acadar delas a implicación nunha iniciativa que "adobía con acerto; música, lecer, rapazada e patrimonio". Ademais, destacou o feito de que, nesta oitava edición, se lles poña voz e música a poemas de Otero Pedrayo, Risco ou Álvaro de las Casas nun “xeito artístico e multidisciplinar” de enxalzar a relevancia da  revista nacida no abrente do século XX e dos seus artífices.

Así, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass, López Campos e o resto de persoas asistentes puideron gozar como os versos de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Álvaro de las Casas cobraban vida nas voces de nenas e nenos procedentes de conservatorios das sete cidades galegas; de alumnado de cinco centros de ensino musical de municipios de toda Galicia, entre o que se atopa o de Ribadavia; e parte do Coro Infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Este coro infantil interpretou Coita de Álvaro de las Casas; Panxoliña, de Vicente Risco; e Ao lonxe e Canta nos hourizontes a  vos nova de Ramón Otero Pedrayo. Ademais, e como todos os anos, contouse cunha obra de encarga da que se viviu en Ribadavia a súa estrea absoluta. O autor escollido foi o compositor Aaron Siebert, quen se detivo nuns versos do señor de Trasalba para ofrecer unha obra nova que cobrará vida na voz dos mozos intérpretes.

De remate, interpretouse o Maio longo de Rosalía de Castro, o xa consagrado himno anual do certame que servirá de ponte para a edición do vindeiro 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024