O Gaiás oferta co campamento de natureza “Raíces e ás” unha alternativa de conciliación no verán ao tempo que fomenta a conciencia ambiental na infancia

Trátase dunha iniciativa concibida para fomentar entre as novas xeracións valores como a igualdade, o traballo en equipo, o vencello coa natureza ou a creatividade

En total ofrece 80 prazas para a rapazada de entre 4 e 14 anos, que gozarán de actividades lúdicas e formativas na última semana de xuño e a primeira de setembro

O programa inclúe propostas como a construción de refuxios de morcegos e hoteis de insectos, recoñecemento de aves, árbores ou plantas, xincanas ambientais, e ata unha noite de acampada no Bosque de Galicia para os nenos e nenas de maior idade

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2024

A Cidade da Cultura programa este verán o campamento urbano Raíces e ás, unha proposta concibida para facilitar ás familias a conciliación nas derradeira semana de xuño e primeira de setembro e tamén para crear entre a rapazada unha conciencia ambiental sólida, fomentando valores como o vencello coa natureza, o espírito de descubrimento, a creatividade, a igualdade, a convivencia e o traballo en equipo.

O campamento oferta –nas mañás da semana inmediatamente posterior ao remate do curso escolar e na anterior ao arranque do vindeiro ano lectivo– 80 prazas destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 14 anos. A rapazada gozará dun completo programa de activades lúdicas, amenas e formativas para achegarse á biodiversidade dos espazos verdes do monte Gaiás nun ambiente de igualdade, respecto e convivencia. Raíces e ás promove así entre as xeracións máis novas a conexión cos espazos naturais a través dunha experiencia enriquecedora e divertida, contribuíndo a formar unha xeración máis comprometida co coidado e a preservación do medio ambiente.

Entre as actividades programadas inclúense desde a construción de refuxios de morcegos e hoteis de insectos para a súa colocación posterior no Parque do Lago, á busca de pegadas de animais ou o recoñecemento de árbores e plantas, xincanas nos espazos verdes, actividades teatrais, ou ata unha noite de acampada no Bosque de Galicia (incluída só para o grupo de nenos e nenas de maior idade, a partir de 8 anos).

Programación familiar no Gaiás

Con esta actividade, a Cidade da Cultura afonda na súa liña de programación familiar cunha proposta que atende as necesidades de conciliación de nais e pais de maneira transversal, contribuíndo ao desenvolvemento dun sistema integral de coidados que promove a corresponsabilidade entre homes e mulleres.

 

O campamento organízase en dúas quendas semanais a escoller –do 24 ao 28 de xuño e do 2 ao 6 de setembro–, e dous tramos de idade diferenciados –de 4 a 7 anos e de 8 a 14 anos. As actividades desenvolveranse na Cidade da Cultura de 10,00 a 15,00 horas, de luns a venres, con servizo madruga baixo demanda, desde as oito da mañá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2024