Belén do Campo participa na inauguración do XI Congreso Nacional de Mudanzas que se celebra na Coruña

A Coruña, 31 de maio de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na apertura do XI Congreso Nacional de Mudanzas que se celebra estes días na cidade da Coruña. Trátase dun evento bianual que reúne a máis dun centenar de profesionais das mudanzas. A delegada da Xunta subliñou que este Congreso que xa vai pola XI edición é o punto de encontro máis relevante para o sector xa que supón unha oportunidade idónea para analizar o presente e o futuro de cerca de 200 empresas que forman parte da FEDEM (Federación Española de Mudanzas).

Belén do Campo apuntou que os grandes retos deste colectivo son, por unha banda, a adopción de novas tecnoloxías para mellorar significativamente a eficiencia e o servizo ao cliente, e por outra banda, a  sustentabilidade que non é só unha tendencia, senón unha responsabilidade. “As vosas empresas deben liderar co exemplo na implementación de prácticas amigables co medio ambiente. A optimización de roteiros para reducir emisións, a reciclaxe de materiais de embalaxe e a adopción de vehículos máis limpos son só algúns dos pasos que deberedes adoptar para contribuír a un futuro máis verde”, apuntou a delegada.

Belén do Campo tamén destacou o compromiso da Xunta de Galicia con eles e coas empresas concretamente cun novo programa dirixido á contratación de menores de 30 anos como primeira experiencia profesional, un programa mixto que ademais de promover con apoio económico(ata 20.000 €) a contratación, durante doce meses, ofrece formación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024