A Xunta reflexiona sobre a preservación do patrimonio sonoro galego nunha xornada no Gaiás

O encontro, organizado pola Biblioteca de Galicia, pon en valor o papel destas institucións para a conservación da música como parte do legado cultural dun pobo

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca o traballo das bibliotecas “grazas ao que se pode hoxe en día realizar investigacións sobre esta temática”

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa esta mañá na Biblioteca de Galicia nunha xornada que, baixo o título Transformando a música en patrimonio, pon de relevo a importancia da preservación dos documentos sonoros e audiovisuais como parte do legado cultural galego.

O obxectivo do encontro, que inclúe varios relatorios, é reflexionar sobre como se está a traballar sobre o patrimonio sonoro en entidades de referencia como a Biblioteca Nacional de España e achegarse ao labor que desenvolven institucións como o Arquivo Sonoro de Galicia ou o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, posto en marcha polo Museo do Pobo Galego.

Neste senso, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, incidiu no avance ao redor do “traballo tan esencial que fan as bibliotecas e arquivos para conservar a herdanza sonora dos galegos e galegas, localizando, preservando e difundindo este tipo de documentos”. Un labor, apunta, “grazas ao que se pode hoxe en día realizar investigacións sobre esta temática”.

De feito, a xornada fai fincapé no estudo que se está a realizar, fundamentalmente desde as universidades, para coñecer o patrimonio sonoro galego, tanto material como inmaterial. Así, o debate xorde tomando como referente a exposición Botamos un baile? Cen anos de orquestras de verbena en Galicia, que se pode visitar na propia Biblioteca de Galicia ata este domingo. Os comisarios desta mostra, Zósimo López e Henrique Neira, afondarán na historia dos festexos populares e dos grupos musicais que os amenizan e sobre a situación actual na investigación desta parte lúdica da cultura galega.

Historia e futuro do legado musical

No programa, que se desenvolve durante todo o día, interveñen tamén investigadores do INCIPIT-CSIC poñendo o  foco no testemuño material que deixaron as verbenas, os espazos para vivilas. Tamén se tratarán outras perspectivas como a visión da música como puro espectáculo con Daniel Seijas, director do programa de radio especializado Palco de Estrelas, ou dende a Universidade, coa docente do departamento de Musicoloxía da USC Laura Touriñán.

Na xornada tamén se aborda o cada vez máis habitual consumo de música en formato dixital, unha situación que afecta á maneira en que se preserva ese legado. Neste senso, as bibliotecas asumen a presenza xa case testemuñal dos vinilos e CD´s e afrontan o reto de salvagardar o patrimonio sonoro nos seus novos soportes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024