O titular de Sanidade presidiu esta semana a súa primeira reunión co Consello Asesor de Pacientes, órgano de asesoramento do Servizo Galego de Saúde

Gómez Caamaño aposta por un diálogo fluído e constante cos pacientes para optimizar o funcionamento do Sistema Sanitario Público galego

O conselleiro incide en que é preciso orientar a sanidade pública cara aos resultados e avoga por facer un uso eficiente dos recursos dispoñibles

Aposta por acadar un pacto a tres bandas, entre profesionais, pacientes e colectivos sanitarios, co obxectivo de mellorar o benestar, a seguridade e a participación de profesionais e usuarios 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu esta semana a súa primeira reunión co Consello Asesor de Pacientes do Servizo Galego de Saúde, unha xuntanza na que expuxo as principais liñas de actuación do departamento que dirixe de cara a optimizar os servizos asistenciais que se lle prestan á poboación galega.

Acompañado pola totalidade do equipo directivo da Consellería de Sanidade e do Servizo galego de Saúde, Gómez Caamaño incidiu en que é preciso orientar a Sanidade cara aos resultados, optimizando o emprego dos recursos dispoñibles, tanto a nivel material, como a nivel humano.  

Apostou, ademais, por acadar un pacto a tres bandas e potenciar o diálogo entre profesionais, pacientes e colectivos sanitarios para acadar un sanidade de maior calidade. 

No encontro, o titular de Sanidade convidou a todos os presentes a manter un diálogo constante e fluído para dar resposta aos novos retos e ás necesidade que presenta sistema sanitario público galego.

O Consello Asesor de Pacientes é o órgano de asesoramento do Servizo Galego de Saúde, e ten como finalidade mellorar a seguridade dos pacientes, familiares e coidadores, fomentando os niveis de participación, ademais de facilitarlle aos pacientes a información necesaria para a toma de decisións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2024