O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe no acto de celebración do Día da Economía Social Galega organizado por Foroesgal

José González apela á colaboración dos actores da economía social para fortalecer un modelo baseado nas persoas e na cohesión do territorio

Destaca a aposta da Xunta para que a economía social siga a ser unha fórmula de referencia en Galicia ao promover valores como a equidade, a xustiza, a solidariedade ou o compromiso coa sustentabilidade

Sinala que a Xunta de Galicia apoia esta fórmula desde tres vertentes: a planificación, o marco lexislativo e o orzamentario

A nova Estratexia de economía social, con horizonte 2027, aspira a atraer e reter talento, mellorar a competitividade e ao crecemento en sectores emerxentes

O Goberno galego traballa no deseño da nova Lei de cooperativas de Galicia para adaptala ao novo contexto socioeconómico

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a investir 43,6 millóns de euros neste eido, un presuposto que creceu en 2024 nun 3%

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou  hoxe as tres vertentes coas que a Xunta de Galicia está a impulsar a economía social de Galicia e apelou á unión e á colaboración de todos os actores implicados neste ámbito para seguir a fortalecer un modelo baseado nas persoas e co que se contribúe á cohesión social e do territorio xerando un emprego inclusivo, igualitario e solidario.

No Día da Economía Social Galega, que se celebrou en Santiago de Compostela e organizou o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal), González indicou que a economía social é un modelo que está a medrar cada día en Galicia, adquirindo un peso significativo no tecido empresarial. Lembrou que cinco de cada cen empresas ou entidades do sector privado pertencen a este modelo que pechou en 2023 cun crecemento das cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral.

O titular de Emprego, Comercio e Emigración, quen acudiu acompañado da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, apuntou que a Xunta de Galicia traballa para que a economía social siga a ser un modelo de referencia e, por iso, recordou que nestes intres se está a executar a segunda Estratexia de Economía Social, co horizonte 2027, coa que o Goberno galego aspira, cun orzamento de case 170 millóns de euros, a xerar máis economía social, atraendo talento, mellorando a competitividade e o crecemento en sectores emerxentes. No marco desta planificación prevese a creación de 400 novas entidades e a xeración de 4.000 empregos, posicionando este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial.

Nova Lei de cooperativas

Desde o punto de vista lexislativo, González recordou que se está a deseñar a nova Lei de cooperativas para adaptala ao novo contexto socioeconómico, co fin de darlle un impulso definitivo a este modelo económico. É unha normativa que se está a elaborar a través dun proceso participativo, xa que, tal e como indicou o conselleiro, na Xunta apóstase dun xeito firme e decidido polo diálogo. Ao respecto, lembrou que como novo titular de Emprego, Comercio e Emigración iniciou un proceso de escoita activa cos principais axentes sociais e económicos galegos para escoitar as súas principais demandas e tentar desde o seu ámbito darlles unha solución.

O conselleiro, con respecto á terceira vertente de apoio á economía social, referiuse ao orzamento que está a destinar o departamento autonómico a este eido: son para 2024 máis de 43,6 millóns de euros, un investimento que creceu nun 3% con respecto a 2023 e que se artella en tres grandes eixos de actuación: a difusión da economía social, a creación e consolidación de iniciativas e a promoción do emprego inclusivo.

Ao respecto, destacou, entre as liñas de apoio á economía social, o programa Es-Transforma que sairá publicado en vindeiras datas no Diario Oficial de Galicia (DOG) con axudas máximas de ata 74.000 euros por entidade para a transformación de empresas en cooperativas ou sociedades laborais.

José González, por último, apuntou tamén á importancia de darlle visibilidade a este modelo, un aspecto que desenvolve a Xunta desde o ano 2012 a través da Rede Eusumo, da que xa forman parte un cento de entidades para fomentar o espírito emprendedor, impulsar a economía social no ámbito local e prestar apoio directo á creación e á consolidación de emprego con base na economía social.

Asemblea EspazoCoop

Previa ao acto de celebración do Día da Economía Social Galega, tivo lugar a asemblea xeral ordinaria de socias 2024 da Unión de Cooperativas Galega -EspazoCoop-, á que asistiu a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño. EspazoCoop e unha asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores que ten como obxectivos, entre outros, fomentar e consolidar o cooperativismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024