A Xunta abre mañá as inscricións nos campamentos de xuventude para maiores de 18 anos

En total hai 200 prazas dispoñibles que se distribúen en cinco programas diferentes e serán adxudicadas por orde de recepción

A oferta enmárcase nas actividades da Campaña de Verán 2024 da Dirección Xeral de Xuventude, que recupera estes campamentos para persoas entre 18 e 30 anos

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2024

A Xunta abre mañá ás 9,00 horas o prazo de inscrición en campamentos para mocidade de entre 18 e 30 anos. Esta oferta específica que se inclúe na Campaña de Verán 2024 da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pon a disposición das persoas interesadas 200 prazas distribuídas en cinco programas diferentes e que abranguen máis de 40 actividades.

As solicitudes deben presentarse en liña na web de Xuventude a partir de mañá e ata o vindeiro 10 de xuño, enviando o correspondente formulario no que cada persoa poderá elixir un máximo de tres programas por orde de preferencia.

O programa promove un ocio educativo, alternativo e saudable para a mocidade galega que inclúe neste caso visitas e roteiros, actividades de multiaventura e acuáticas, obradoiros, propostas artísticas e relacionadas coa natureza e mesmo veladas e xogos de escapismo nocturnos. Todas elas terán lugar en quendas de xoves a domingo nos meses de xullo e agosto.

Os campamentos para maiores de 18 anos desenvólvense no albergue municipal de Cabana de Bergantiños; no campamento xuvenil A Devesa de Ribadeo; no albergue de Allariz; no albergue Montañas de Trevinca en A Veiga (Ourense); e na residencia complexo Cemar en Mondariz Balneario.

Baixo o lema O teu mellor verán, o programa completo da Dirección Xeral de Xuventude para esta época estival oferta en total 11.500 prazas.

Adxudicación de prazas

Para optar a estes campamentos para maiores de idade é preciso ter cumpridos os 18 anos ao inicio das actividades e non cumprir os 31 antes do seu remate. 

As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción. Unha vez asignadas na primeira convocatoria, abrirase de novo o formulario na web de quedar prazas vacantes. Ademais, a persoa beneficiaria da praza recibirá un correo electrónico coas instrucións precisas para formalizar a súa inscrición. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2024