José González reuniuse hoxe co presidente da entidade, Eduardo Abad, no marco do proceso de escoita activa cos axentes sociais e económicos de Galicia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración avalía coa Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos as súas principais demandas

Avogou por unha Administración facilitadora para poñer a disposición dos autónomos axudas de xeito máis áxil para manter e motivar a súa actividade

Na xuntanza incidiu na importancia da colaboración público-privada e no diálogo para seguir impulsando a actividade económica  

Abordouse tamén a necesidade de favorecer a remuda xeracional e de impulsar o emprendemento entre os retornados galegos

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos-Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (UPTA-Agtamar), Eduardo Abad, para avaliar as principais necesidades deste colectivo que en Galicia representa case o 20% do total de afiliacións, sendo a primeira comunidade con maior peso ao respecto.

A reunión, na que tamén participou o portavoz da entidade, Jesús Dieguez, forma parte do proceso de escoita activa iniciado por José González o pasado mes de abril cos principais axentes económicos e sociais de Galicia para coñecer as súas demandas de primeira man.  Nestas reunións está a incidir na importancia da colaboración público-privada e no diálogo para seguir impulsando a actividade económica en Galicia. 

O titular de Emprego, Comercio e Emigración trasladou na cita que a Xunta pretende ser unha Administración facilitadora, poñendo a disposición das persoas autónomas axudas tanto para manter como para motivar a actividade. Nos cinco primeiros meses do ano xa se convocaron preto de 60 millóns de euros destinados a este fin. Os apoios que se están a activar  enmarcánse na Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027, que rexerá as políticas públicas de apoio ao traballo autónomo durante os próximos anos, para fortalecer o ecosistema competitivo do traballo por conta propia e potenciar a calidade dos novos proxectos.

Así mesmo, apuntou que Galicia é unha terra de emprendedores, polo que avogou por fortalecer o ecosistema de entidades que asesoren a aqueles que queren desenvolver o seu negocio no territorio, tanto nas cidades como no rural.

González, neste aspecto, explicou que a Xunta está a darlle un pulo á Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, con 13 centros activos nestes momentos no conxunto do territorio, con especial incidencia no rural e con efectos en toda a comunidade, para asesorar proxectos en calquera das fases en que se atopen, de principio a fin.

Na xuntanza, ademais, abordouse a necesidade de favorecer a remuda xeracional e de impulsar o emprendemento entre os emigrantes retornados galegos. 

Escoita activa

O conselleiro, ata o de agora, xa mantivo encontros coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG); os sindicatos CCOO, UXT e CIG; con entidades do eido da economía social- a Unión de Cooperativas Galega (EspazoCoop), a Asociación galega de cooperativas agroalimentarias (Agaca), a Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal), a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga)-  e coa Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas (APE-Galicia). 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024