A Xunta pon en marcha un protocolo de protección de menores fronte á violencia no deporte

A medida, pioneira no Estado, é de obrigado cumprimento para todas federacións e clubs que realicen actividades deportivas

Enmarcada na Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, ten como obxectivo converter as entidades deportivas en espazos seguros e libres de actos violentos

Créase como figura chave unha persoa delegada de protección dos nenos, nenas e adolescentes, que deberá ser designado no seo de cada entidade

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2024

A Xunta, a través do Observatorio Galego de Familia e Infancia, vén de aprobar este mes o Protocolo de protección dos nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte en Galicia. Trátase dunha medida pioneira no Estado, de obrigado cumprimento para todos os centros que realicen actividades deportivas na comunidade e extensible polo tanto a todas as federacións e clubs.

O texto enmárcase na Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia. Na súa elaboración, o Goberno galego contou coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega) para adaptar o contido á realidade das entidades deportivas e garantir a protección dos menores neste eido.

O obxectivo principal é prever as violencias e establecer canles de intervención e protección, convertendo as entidades deportivas como espazos seguros e libres de violencia, promovendo unha contorna de respecto e bo trato. O eido de actuación esténdese a todas as situacións da práctica deportiva, como adestramentos, competicións ou calquera evento. Búscase tamén contribuír á detección de posibles casos de violencia no seo da familia.

O protocolo pretende ser máis que unha declaración de intencións e converterse nun recurso práctico, universal e plenamente aplicable tanto para previr como para intervir. Para isto, establece a creación de canles de comunicación en cada unha das entidades para que se poidan formular de xeito confidencial inquedanzas, notificacións ou queixas en relación con actos de violencia sobre menores. No caso de identificarse unha situación de violencia ou de risco, deberá notificarse á autoridade ou servizos sociais correspondentes, ademais de prever un proceso de mediación.  

Persoa delegada de protección

Como figura chave en todo o sistema de protección e intervención créase a persoa delegada de protección dos nenos, nenas e adolescentes, que debe ser designada por cada entidade e comunicado ao Rexistro de entidades deportivas de Galicia. Entre as súas funcións destacan velar pola aplicación do protocolo, canalizar as queixas, inquedanzas ou notificacións recibidas, tramitar os expedientes, impulsar medidas preventivas e formativas, e promover a mediación para a resolución de conflitos, entre outras.

Como primeiro paso, en xuño arrincará un plan de formación práctico dirixido ás federacións e clubs co obxectivo de dotalos das ferramentas precisas para a óptima implantación do protocolo. Hai previstas sesións nas sete cidades galegas. O programa previsto inclúe o marco normativo, unha introdución ao protocolo, obrigas e recomendacións para a súa aplicación e os recursos dispoñibles. A maiores, abórdanse os tipos de violencia e como recoñecelos, os procedementos fronte a ela e a figura da persoa delegada de protección e o seu papel mediador.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2024