A Xunta renova o convenio coa coordinadora galega de ONGD co obxectivo de fortalecer as ONGD galegas

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou esta mañá o acordo coa entidade que agrupa na actualidade 42 ONGD

A través desta colaboración, dotada con 100.000 euros, fortalecerase a capacidade de actuación das ONGD máis pequenas, entre outras medidas

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou esta mañá coa presidenta da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD), María Paz Gutiérrez, o convenio de colaboración para representar e fortalecer as ONGD galegas. O acordo asinado conta cunha dotación de 100.000 euros.

A Coordinadora Galega de ONGD agrupa actualmente 42 destas entidades con presenza na comunidade galega e forma parte da Coordinadora Nacional de ONGD. Con este acordo preténdese mellorar as súa capacidades para representar e fortalecer as ONGD galegas, particularmente as máis débiles, e para defender obxectivos comúns de incidencia política e social para o progreso da política pública de cooperación ao desenvolvemento e a defensa dos dereitos humanos a nivel global.

Entre as actividades previstas no marco da iniciativa destacan a actualización do diagnóstico de necesidades para 2024 das ONGD socias, con especial atención ás menos fortalecidas, e a xeración de canles de apoio permanente para elas. Tamén se prevé a realización de encontros, xuntanzas e traballo conxunto con outros actores estratéxicos para os obxectivos das ONGD socias e a política galega de cooperación ao desenvolvemento, así como a  difusión de campañas específicas vinculadas coa defensa dos dereitos humanos e a loita contra as desigualdades.

As ONGD son entidades con coñecemento experto para promover e xestionar intervencións de desenvolvemento e teñen entre as súas misións o fomento da conciencia da cidadanía e a educación para o desenvolvemento, co fin de promover valores de responsabilidade e solidariedade.

Representación, formación e traballo en rede

A Coordinadora Galega de ONGD é unha entidade fundada en 1991 que, entre as súas actuacións leva a cabo a representación institucional e o traballo en rede con outros actores galegos, estatais e estranxeiros; a formación especializada para as súas capacidades; a publicación de estudos e informes sobre cooperación ao desenvolvemento; ademais da comunicación e a sensibilización para difundir o traballo das ONGD  e a defensa da cooperación ao desenvolvemento.

A Xunta vén colaborando dende 1997 coa entidade no ámbito da sensibilización e fortalecemento institucional a través da sinatura dos correspondentes convenios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024