Constituído o posto de mando avanzado que coordinará o dispositivo de seguridade de case un milleiro de efectivos diarios durante ‘O Son do Camiño’

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe o Posto de Mando Avanzado habilitado no Monte do Gozo para garantir a seguridade das máis de 140.000 persoas que se prevé que asistan aos concertos desde hoxe ata o sábado dun festival acreditado como referente musical, cultural e turístico na comunidade 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe xunto co comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal, o Posto de Mando Avanzado (PMA) habilitado no Monte do Gozo desde o que se visualizará todo o recinto e accesos ao mesmo e se coordinará o dispositivo de seguridade previsto nos tres días de celebración do festival O Son do Camiño.

Desde hoxe ata o sábado case  un milleiro de efectivos velarán pola seguridade tanto no propio evento como na incidencia que ten na cidade de Santiago de Compostela ante o fluxo de persoas e vehículos que se vai producir. En concreto, forman parte do dispositivo máis de 600 axentes das forzas e corpos de seguridade, entre eles máis de 80 membros da Policía Autonómica, xunto con Policía Nacional, Garda Civil de tráfico e Policía Local de Santiago. A eles súmanse outros 350 efectivos de emerxencias, entre voluntarios de Protección Civil, bombeiros de Santiago, servizos sanitarios, medios da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e persoal de seguridade privada.

Responsables de todos estes servizos integraranse no Posto de Mando Avanzado para coordinar os fluxos de entrada e o cumprimento das medidas seguridade no interior e exterior do evento co obxectivo de previr aglomeracións e actuar ante emerxencias sanitarias ou doutra índole que se poidan producir. Santiago Villanueva puxo en valor a importancia da coordinación entre todos estes medios despregados que forman parte dos operativos habituais de eventos deste tipo.

A nova edición de O Son do Camiño reunirá desde esta tarde ata o sábado case medio cento de artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel e coa previsión da asistencia durante as tres xornadas de máis de 140.000 persoas. Trátase dunha cita ineludible e nun sinal de identidade dos festivais en Galicia, que axuda un ano máis a consolidar a comunidade como sede de grandes espectáculos, ao mesmo tempo que se contribúe a xerar un positivo impacto sobre o turismo ao dar a coñecer e proxectar a imaxe da comunidade a través da industria musical.  

Por iso, a Xunta destina máis de 8 millóns de euros a festivais e grandes espectáculos musicais na comunidade coma este ano, que nos últimos dous exercicios xeraron máis de 2 millóns de asistentes.

Nesta edición de O Son do Camiño subiranse aos escenarios do Monte do Gozo entre hoxe e o sábado artistas como Green Day, Pet Shop Boys, Thirty Seconds to Mars, Tom Odell, J Balvin, Myke Towers, Melendi, Ana Mena, La Oreja de Van Gogh, Arde Bogotá, Fernadocosta, Mattn, Hot Milk, Love of Lesbian, Rels B ou Baiuca, entre outros, que se poden consultar en www.osondocamino.es.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2024