Medio Rural destina 750.000 euros en axudas para o control do rendemento leiteiro

As achegas da Consellería do Medio Rural benefician as tres entidades oficialmente recoñecidas pola comunidade autónoma galega para o control do rendemento leiteiro, en concreto as asociacións provinciais Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra

As actividades subvencionables serán as destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade ás axudas para o control do rendemento leiteiro ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización destes labores, correspondentes á convocatoria de 2024.

En total, a Xunta destina este ano 750.000 euros a estas achegas, que beneficiarán as tres entidades oficialmente recoñecidas pola comunidade autónoma galega para o control do rendemento leiteiro, en concreto as asociacións provinciais Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra. No reparto das axudas, á Africor Lugo corresponderanlle un total de 355.575 euros; á asociación da Coruña, 329.100 euros e a de Pontevedra recibirá 65.325 euros.

Esta liña de axudas para o control de rendemento leiteiro pretende compensar en parte, mediante achegas proporcionais, os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, en atención aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema. As actividades subvencionables a realizar polas entidades beneficiarias serán todas aquelas actuacións destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.

Estas axudas veñen dar continuidade aos convenios de colaboración levados a cabo entre o Goberno galego e as asociacións de control leiteiro dende o 2010, polo que dende entón lévanse dotado case 11,4 millóns de euros para a realización de probas para determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza Frisona.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240530/AnuncioG0426-220524-0001_gl.html.

Data de actualización: 30/05/2024