A Consellería de Sanidade e os Colexios Oficiais de Médicos de Galicia chegan a un acordo sobre o funcionamento do sistema XIDE para a organización da demanda en atención primaria

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2024

A Consellería de Sanidade e os Colexios Oficiais de Médicos de Galicia veñen de chegar a un acordo sobre o funcionamento do XIDE, o sistema impulsado para a organización da demanda nos centros de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde.

O sistema de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE) é un sistema organizativo deseñado pola Xunta co obxectivo de organizar a demanda nos centros de atención primaria.

Tras o acordo acadado agora entre a Consellería de Sanidade e os Colexios Oficiais de Médicos de Galicia, o XIDE continuará a ser aplicado no Servizo Galego de Saúde e será o xefe do Servizo de Atención Primaria o responsable de determinar o seu grao de usabilidade, adaptabilidade, e seguimento nos centros de saúde do seu Servizo e dentro do seu marco competencial.

O xefe do servizo de Atención Primaria será, tamén, o responsable do fluxo asistencial xerado polo uso desta ferramenta no ámbito dos centros de atención primaria que ten asignados, nun marco de autoxestión.

Ademais, o acordo prevé que se incorporen novos membros propostos polos Colexios Oficiais de Médicos ao comité de seguimento e avaliación do XIDE xa existente, na procura da mellora continua desta ferramenta.

A Consellería de Sanidade e os Colexios comprometéronse a continuar mantendo reunións periódicas co fin de realizar un seguimento sobre a aplicación das medidas acordadas.

Data de actualización: 30/05/2024