Galicia aposta polo benestar e a igualdade laboral coa estratexia de seguridade e saúde no traballo

A xerente do Issga interveu hoxe na apertura do foro Novos retos en seguridade e saúde laboral: envellecemento poboacional, perspectiva de xénero e cambio climático, organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo

A Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: horizonte 2027 recolle, entre outros, a importancia da perspectiva de xénero e a igualdade laboral, a participación dos interlocutores sociais e de tecer unha rede de alianzas

Lugo, 30 de maio de 2024

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá, puxo hoxe de relevo a natureza integral e transversal da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: horizonte 2027 que, “atende a todas as disciplinas preventivas e se destina á totalidade do traballo da comunidade galega”. Ademais, engadiu, “contou coa participación dos axentes sociais, atende á nova realidade económica e aposta pola igualdade laboral e unha sociedade máis equitativa”.

Así o expuxo durante o foro Novos retos en seguridade e saúde laboral: envellecemento poboacional, perspectiva de xénero e cambio climático, organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo. Alí tamén explicou que a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia busca avanzar na consolidación da calidade do emprego, incidindo na creación de contornas de traballo seguras, saudables e sostibles.

Nesta liña, incidiu na importancia da saúde integral das persoas traballadoras e do crecemento económico e social das empresas e organizacións para lograr “un verdadeiro estado do benestar que teña como centro as persoas”. Con ese fin, afondou, inclúe principios informadores de aplicación a todas as súas liñas de actuación, entre eles a perspectiva de xénero e a igualdade laboral, a participación dos interlocutores sociais e a creación dunha rede de alianzas.

En relación coa integración da perspectiva de xénero, Adela Quinzá, destacou a necesidade de tela en conta nas condicións laborais e de aspectos como fortalecer a protección do embarazo e a lactación natural. Isto implica considerar as diferenzas biolóxicas, sociais e culturais entre homes e mulleres, así como as desigualdades estruturais, manifestou. Tamén salientou a importancia de continuar coa elaboración de estudos de saúde laboral en sectores altamente feminizados e con peculiaridades que precisan actuacións e técnicas específicas e de atender á convivencia interxeracional con medidas como o reforzo da protección fronte aos riscos psicosociais.

Participación

En canto á participación do persoal empresario e traballador, explicou que, ademais de estar presente no desenvolvemento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo, tamén se ten en conta na implementación, seguimento e cumprimento dos obxectivos.

Nesta liña, a directora do Issga afondou no principio de crear unha rede de alianzas, cuestión clave para traballar en conxunto, compartindo coñecementos, recursos e boas prácticas co fin de protexer a saúde e seguridade dos traballadores e fomentar unha cultura preventiva en Galicia. O obxectivo global disto é contribuír á redución da sinistralidade laboral, fomentando á súa vez o benestar laboral e a Promoción da Saúde no Traballo (PST).

Ademais dos principios informadores, Adela Quinzá tamén se referiu a algúns obxectivos da estratexia, entre eles o de afrontar os riscos laborais derivados dos novos escenarios de traballo. Neste sentido, expuxo a necesidade de abordar os riscos derivados da dixitalización e das transicións demográfica, ecolóxica e climática.

O Foro

O foro Novos retos en seguridade e saúde laboral: envellecemento poboacional, perspectiva de xénero e cambio climático reúne a diferentes expertos para debater sobre cuestións chave de cara ao futuro na prevención de riscos laborais nas empresas. Entre elas ter en conta o progresivo envellecemento poboacional, incorporar a perspectiva de xénero ou o cambio climático. Desenvólvese no marco das axudas para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais en Galicia nos exercicios 2023 e 2024, financiadas pola Xunta de Galicia, e contará coas achegas de expertos na materia, entre eles do Issga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2024