O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na inauguración da 6ª edición do Congreso Flúor, que se celebra hoxe e mañá en Pontevedra

A Xunta aposta pola dixitalización para impulsar o emprendemento ligado ás necesidades do territorio

José González puxo en valor a Rede de polos de emprendemento que leva atendidos uns 1.900 proxectos e na que se enmarca o Plan de remuda para garantir a continuidade dos negocios

Sinalou que o Goberno galego fomentará a creación de proxectos coliving e coworking no rural e espazos de experimentación para novos negocios vinculados ao territorio nos que as persoas emprendedoras poidan testar os seus produtos e servizos

Pontevedra, 30 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe en Pontevedra a aposta da Xunta de Galicia pola innovación e as novas tecnoloxías para impulsar o emprendemento atendendo ás necesidades do territorio. Deste xeito, engadiu, o Goberno galego busca promover a creación de empresas, o emprego de calidade e a riqueza para vertebrar os municipios e cidades.

Así o salientou durante a inauguración da 6ª edición do Congreso Flúor, organizado polo Clúster de Comunicación de Galicia, onde definiu esta cita como “unha plataforma continua de emprendemento, de intercambio de ideas e de construción de redes para reciclarse e innovar no mercado do marketing e da comunicación”.   Neste sentido, sinalou que Galicia ten “todas as condicións para seguir atraendo talento e emprendemento e loita por fortalecer o territorio pola vía da innovación e a dixitalización”.

Dentro da aposta pola creación de novos negocios, salientou a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta con 13 centros activos en Galicia para asesorar proxectos de inicio a fin e na que se levan atendidos uns 1.900 proxectos.

Nesta rede, explicou, ofrécese axuda para a elaboración e desenvolvemento dos plans de marketing “fundamentais para unha difusión eficaz dos proxectos e dos produtos das empresas”. Ademais, engadiu José González, nela tamén se enmarca o Plan de remuda para garantir a continuidade dos negocios e facer fronte ao reto da remuda xeracional que se debe afrontar en sectores como o comercio.

A maiores, a Xunta realizará  unha análise no ámbito comarcal co fin de determinar que negocios son necesarios, poñendo o foco nas vilas. A isto o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración engadiu que a Administración galega tamén impulsará proxectos coliving e coworking no rural galego e que desenvolverá espazos de experimentación para novos negocios ligados ao territorio e onde as persoas emprendedoras poidan testar os seus produtos e servizos.

En toda esta aposta, insistiu, é necesario adoptar as novas tecnoloxías e adaptarse a elas e puxo como exemplo a ferramenta pioneira EMI, dispoñible nas Oficinas de emprego de Galicia e que liga a oferta e a demanda coa intelixencia artificial para determinar os perfís requiridos en distintos sectores.

Congreso Flúor

En canto ao congreso Flúor, que se celebra hoxe e mañá en Pontevedra, José González puxo en valor a importancia desta cita que converte a Galicia, e á cidade do Lérez en particular, en escenario de novas ideas en áreas como o negocio dixital, a publicidade, o branding, as redes sociais ou a intelixencia artificial, entre outras, e que reúne a numerosos profesionais e expertos nacionais e internacionais do marketing e da comunicación.

Ademais salientou que, ao mesmo tempo, esta cita se converte nun amplo foro de networking entre empresas, o que supón unha oportunidade de grande utilidade para atender as demandas das contornas laborais e dixitais neste campo.

Por último, o conselleiro agradeceu aos participantes a súa disposición a compartir coñecemento e experiencias e ao Clúster de Comunicación de Galicia o seu labor para facer realidade esta iniciativa e traer a Galicia talento para debater sobre as últimas tendencias en cuestións como a construción de marcas, novos negocios, comunicación dixital ou comercio electrónico, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2024