Emigración e a Academia Galega do Audiovisual achegan aos galegos do exterior o mellor cine galego a través do ciclo de cine Mestre Mateo

Dez centros galegos de América, Europa e resto de España serán os lugares onde se poderán visualizar dende xuño a novembro os filmes finalistas nas categorías tanto de mellor longametraxe como de mellor documental nos XXII Premios Mestre Mateo

Vigo, 29 de maio de 2024

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou, xunto á directora de cine e membro da Academia Galega do Audiovisual, Anxos Fazáns, o programa do Ciclo de cine Mestre Mateo que se poderá desfrutar a través da colaboración con dez centros de América, Europa e resto de España.

Esta iniciativa xorde do acordo entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual que permitirá achegar o cine feito en Galicia, e en concreto, os finalistas dos XXII Premios Mestre Mateo aos galegos e galegas do exterior a través destas entidades.

 O secretario xeral da Emigración agradeceu o interese da Academia por “colaborar con nós para achegar o audiovisual que se realiza en Galicia ás nosas colectividades do exterior e tamén aos veciños das localidades seleccionadas, que poden así gozar da cultura feita na nosa terra para os nosos galegos”.

Antonio Rodríguez Miranda tamén destacou o esforzo dos centros galegos do exterior que colaborarán na posta en marcha desta iniciativa: a Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada, de Río de Xaneiro, a Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo, o Centro Espanhol e Repatriação de Santos, o Hogar Español de Montevideo, o Patronato da Cultura Galega de Montevideo, o Centro Gallego de Avellaneda, o Centro Gallego de La Plata, o Lar Gallego de Pamplona, a Casa de Galicia en Gipuzkoa e o Centro Español de Ingolstadt.

Como parte integral do proxecto, a Academia Galega do Audiovisual proporcionará ferramentas específicas sobre produción e comunicación das proxeccións ás persoas encargadas da xestión desta iniciativa en cada centro galego do exterior e tamén se implicará a un grupo de persoas que se encargarán de coordinar a realización de cada proxección, e atender ás demandas das espectadoras e espectadores do ciclo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024