Galicia participa no simulacro de incendio forestal en zona fronteiriza realizado en Salamanca no marco do proxecto Interreg Atempo

A Xunta colabora a través da Axencia Galega de Emerxencias, un dos socios do proxecto beneficiario das axudas do Programa Operativo Interreg V-A España Portugal (POCTEP)

Organizado pola Consellería de Medio Ambiente de Castela e León, co exercicio búscase mellorar a coordinación da xestión de emerxencias na área transfronteiriza entre Portugal e as comunidades galega e castelán-leonesa

El Maíllo (Salamanca), 29 de maio de 2024

A Xunta participou hoxe nun simulacro de incendio forestal en zona fronteiriza desenvolvido no municipio de El Maíllo, en Salamanca, e organizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Política Forestal da Consellería de Medio Ambiente, Vivenda e Ordenación do Territorio de Castela e León. A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) desprazou o seu Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) equipado coa Unidade Operativa de Drons.

O exercicio enmárcase no proxecto europeo Interreg Atempo, que ten como finalidade non só reducir os tempos de resposta ante emerxencias transfronteirizas derivadas do cambio climático, senón tamén anticiparse e previr estas situacións cada vez máis frecuentes.

Para cumprir estes obxectivos, preténdese poñer a proba a cooperación, así como mellorar a integración das administracións implicadas na protección das áreas transfronteirizas compartidas por Portugal, Galicia e Castela e León. Neste caso, mediante a simulación dun grande incendio forestal que requiriría da participación de recursos máis aló das fronteiras castelán-leonesas.

Colaboración transfronteiriza en emerxencias

O programa Atempo é a continuación doutras experiencias anteriores como Ariem ou Protempo, que tamén tiñan como obxectivo potenciar a colaboración en emerxencias nas zonas transfronteirizas a ambos lados da raia. O fomento da innovación mediante o uso de ferramentas como a intelixencia artificial é unha das características fundamentais deste proxecto. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024