O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou un convenio co alcalde, José Valentín Calvín, para a execución dos traballos

A Xunta investirá 50.000 euros en obras de mellora na residencia pública para persoas maiores de Ortigueira

A intervención centrarase na zona de dormitorios do centro, que conta na actualidade con 50 usuarios

Ortigueira (A Coruña), 29 de maio de 2024

A Xunta de Galicia realizará novas obras de mellora no centro residencial para persoas maiores de Ortigueira, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde do concello, José Valentín Calvín, para a realización destes traballos nos que se investirán 50.000 euros.

A actuación centrarase na zona de dormitorios da residencia, na que se prestan coidados e se dá aloxamento a 50 persoas. En concreto, completarase a mellora dos baños xa iniciada nunha anterior intervención, cunha nova impermeabilización e a colocación de pavimento continuo. Tamén se pintarán as paredes e teitos, así como os corredores. Ademais, instalaranse dúas fiestras tipo ‘velux’ na cociña. O inmoble é de titularidade municipal, polo que será o Concello o que se encargue de contratar as obras.

Estas melloras súmanse a outras acometidas neste equipamento nos últimos anos. O edificio que alberga este servizo foi construído nos anos 30 do século pasado e as obras de acondicionamento como centro residencial executáronse entre os anos 2001 e 2005 por parte do Concello co financiamento da Xunta.

Perfecto Rodríguez enmarcou esta actuación no programa de melloras de centros da rede do Consorcio, que ten como obxectivo que os profesionais, usuarios e familiares teñan as mellores instalacións posibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024