Lorenzana pón en valor a axilidade administrativa da Xunta para a implantación de proxectos industriais en Galicia

Subliña que o compromiso do Goberno galego co futuro industrial da Comunidade é inequívoco e indiscutible

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, respondeu no Parlamento galego a unha pregunta oral sobre o proxecto empresarial Sentury

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor a axilidade administrativa da Xunta para facilitar a implantación de proxectos industriais en Galicia e subliñou que o compromiso do Goberno galego co futuro industrial da Comunidade é inequívoco e indiscutible.

Lorenzana respondeu hoxe no Parlamento galego a unha pregunta oral sobre o proxecto da empresa de pneumáticos Sentury Tire Spain S.L.U. nas Pontes de García Rodríguez, que ten prevista unha produción anual de 12 millóns de pneumáticos, un investimento que supera os 530 millóns de euros e a creación de 750 postos de traballo.

Ao respecto, a conselleira de Economía e Industria insistiu en que non hai ningún atraso imputable á Administración galega na obtención de permisos para o establecemento deste proxecto estratéxico. “Desde que se someteu a información pública ata que se concedeu a declaración de impacto ambiental transcorreron cinco meses “, asegurou para lembrar que antes de aprobar definitivamente un proxecto cómpre conseguir a autorización ambiental integrada. E, ao fío, apuntou que no caso de Sentury, en canto a documentación por parte do promotor estea completa, se poderá continuar co dito procedemento de tramitación ata a súa aprobación definitiva de ser o caso.

“Hai unha garantía por parte deste goberno de tramitar os proxectos industriais estratéxicos no prazo máximo dun ano -– subliñou Lorenzana na súa intervención – un prazo que consideramos suficiente para, con todos os prazos legais que hai na lexislación actual ambiental, chegar a tempo” ao tempo que engadiu o mantemento do rigor técnico como garante da protección ambiental da contorna como outro dos avais que achega a tramitación da Administración galega.

Neste sentido, María Jesús Lorenzana insistiu en que os procesos de tramitación hai que seguilos tal e como establece a normativa vixente e que a Xunta seguirá apegándose á Lei, con transparencia, eficiencia e responsabilidade, e facendo unha avaliación exhaustiva e minuciosa coa maior axilidade posible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024