Antonio Gómez Caamaño informou no Parlamento sobre a organización dos recursos humanos dispoñibles para garantir a atención sanitaria a toda a poboación nos centros de saúde e PAC da comarca do Condado-Paradanta

O conselleiro de Sanidade avanza que a Xunta demandará ao goberno de España medidas extraordinarias para paliar o déficit de médicos de atención primaria no verán

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde salienta que o Goberno galego está facendo o seu traballo de planificación estival con medidas xa ensaiadas e de nova creación para evitar estrés asistencial por falta de profesionais

Reclama que o Goberno de España se poña á fronte das solucións a un problema común a todas as autonomías, agravado este verán pola planificación dos MIR por parte do Ministerio

O conselleiro destaca o compromiso da Xunta coa sanidade pública do Condado-Paradanta, plasmado na creación dunha unidade de saúde mental e no compromiso de construción dun novo centro de saúde de Ponteareas co dimensionamento axeitado

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que a Xunta lle demandará ao Goberno, no vindeiro Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, medidas extraordinarias que permitan paliar a falta de médicos de atención primaria e, deste xeito, se poida garantir a asistencia sanitaria á poboación no verán.

Así o manifestou no Pleno do Parlamento de Galicia, onde respondeu a unha pregunta parlamentaria sobre a asistencia sanitaria en Ponteareas e na comarca do Condado-Paradanta.

O titular da carteira sanitaria lembrou a situación actual, compartida por todas as comunidades autónomas, de déficit de profesionais de determinadas especialidades de atención primaria. Nese marco, salientou que, grazas ás medidas adoptadas pola Xunta para a incorporación de novos profesionais sanitarios ao sistema e á procura da mellor  organización dos recursos humanos dispoñibles, a asistencia sanitaria está garantida para toda a poboación en Ponteareas e en toda a comarca de Condado-Paradanta.

O conselleiro detallou que a poboación desa comarca conta con asistencia sanitaria asegurada pola mañá e polas tardes, de forma que se priorizan as urxencias e atendendo no menor tempo posible ao conxunto dos pacientes.

No caso de Ponteareas, o conselleiro detallou que, tendo en conta as vacantes e as situacións de incapacidade temporal, que non se poden cubrir pola falta de médicos, a asistencia está garantida cun total de dez médicos. Con estes recursos, as consultas están organizadas de xeito que se poida asegurar a asistencia máis ampla e eficaz, tendo en conta que está ademais reforzada con dous médicos e dous profesionais de enfermería da dotación do PAC de Ponteareas.

En consecuencia, remarcou Gómez Caamaño, nun contexto xeneralizado de falta de médicos suficientes para cubrir as prazas existentes, a Xunta procura a organización máis eficiente dos recursos para garantir a asistencia sanitaria en Ponteareas e no Condado-Paradanta.

O conselleiro destacou o compromiso da Xunta coa mellora da sanidade pública de Ponteareas, como o demostra a recente posta en marcha dunha unidade de saúde mental ou a sinatura dun convenio para impulsar un novo centro de saúde dimensionado de forma axeitada.

O titular da carteira sanitaria puxo en valor que a Xunta aumentou o investimento en Sanidade así como as contratacións de profesionais para mellorar a asistencia, ademais de poñer todos os medios ao seu alcance para conseguir incrementar o cadro de persoal de médicos de atención primaria dispoñibles.

Fronte a isto, indicou que o Goberno de España leva seis anos ignorando as demandas das autonomías para modificar o sistema de acreditación de prazas MIR e o de elección de especialidades ou a ampliación da idade máxima de xubilación ata os 72 anos.

Tendo en conta que a falta de médicos é un  problema común a todas as comunidades que se verá agravado este verán  pola planificación das formación dos MIR, o conselleiro demandou que o Goberno de España se poña á fronte e achegue solucións.

Na súa intervención, o conselleiro dixo que a Xunta está a facer os seus deberes e nas vindeiras semanas completará a súa planificación estival con medidas xa ensaiadas e outras de nova creación, para garantir unha asistencia de calidade.

Data de actualización: 29/05/2024