Martín Alemparte toma posesión como novo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural

O acto celebrouse esta mañá no complexo administrativo de San Caetano e foi presidido pola conselleira María José Gómez

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidiu esta mañá a toma de posesión de Martín Alemparte como novo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería. No acto, que tivo lugar no complexo administrativo de San Caetano, a conselleira destacou a súa traxectoria profesional, vinculada ao desenvolvemento do rural galego e á súa posta en valor.

Nado en Lugo no 1976, é licenciado en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de Economía Pública e Política Económica. Entre os anos 2000 e 2001 traballou como auditor e asesor de mercado en diferentes empresas privadas.

Dende o ano 2002 ata a actualidade é responsable da xestión do programa Leader en diferentes Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia da provincia de Lugo. Ademais, traballou como impulsor e coordinador dos traballos para a elaboración da candidatura a Xeoparque para as Montañas do Courel, converténdose no ano 2019 en director do primeiro Xeoparque Mundial da UNESCO en Galicia.

Durante estes anos tamén coordinou numerosas publicacións en diferentes ámbitos do desenvolvemento rural e exerceu como profesor e colaborador coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo en cursos de posgrao relacionados co emprendemento, o turismo e os recursos naturais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024