O presidente da Xunta participou na inauguración da novo centro de formación de Urovesa en Valga

Rueda salienta a importancia de apostar pola formación de talento novo no emprego

Encomia o labor de Urovesa desde a súa fundación, fai corenta anos

Destaca o potencial da compañía máis alá de Galicia como un gran valor para toda a comunidade

Pon en valor o bo momento de internacionalización das empresas galegas

Valga (Pontevedra), 29 de maio de 2024

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, salientou a importancia de que as empresas aposten pola formación de talento novo no emprego e remarcou o compromiso da Xunta coa formación de capital humano.

Así o explicou hoxe durante a visita ás instalacións de Urovesa en Valga, onde participou na inauguración do novo centro de formación e na entrega de diplomas dos estudantes que remataron a primeira edición. Uns cursos que forman parte das axudas do programa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dirixidas a apoiar nas empresas unha formación á carta dos perfís que precisen cun compromiso de contratación. A convocatoria deste ano conta cun investimento de 8 millóns de euros, que a Xunta quere reforzar na súa aposta por unha formación flexible adaptada ás necesidades do tecido empresarial.

No acto, o presidente encomiou o labor desta empresa nos seus corenta años de vida, á que destacou como un exemplo de prestixio e bo facer. Salientou a importancia de que “nun concello pequeno, aquí, nunha esquina de España, haxa unha empresa destas características, con este prestixio, capaz de competir cos mellores e gañar”.

Na súa intervención, o presidente puxo en valor o bo momento de internacionalización das empresas galegas, despois dun 2023 que supuxo un novo ano récord no que as exportacións de Galicia superaron por primeira vez os 30.000 M€. Neste sentido, salientou o potencial de Urovesa como exemplo de empresa de interese para toda a comunidade, xa que “a Galicia lle interesa moitísimo un emprego industrial de calidade, consolidando e en proceso de medrar”.

Para finalizar, Rueda asegurou o potencial de Urovesa e recalcou o apoio da Xunta ao talento novo: “entrades nunha empresa de prestixio que non vai facer outra cousa que medrar. E nós estaremos ao lado para velo e sentirnos orgullosos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024