A directora xeral de Xuventude visita o emprazamento no que se celebrarán actividades durante os meses de xullo e agosto

A Xunta organiza un campo de voluntariado internacional nas Illas Cíes para un cento de mozos

Lara Meneses salienta os valores de respecto ao patrimonio natural que se lle fomenta á mocidade a través da oferta da Campaña de Verán de Xuventude

A rapazada voluntaria colaborará en tarefas de carácter ambiental, que compaxinará con actividades de lecer e tempo libre

O programa de verán deste ano oferta 695 prazas en 44 campos de voluntariado repartidos por toda Galicia

Vigo, 29 de maio de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe as Illas Cíes onde un cento de mozos e mozas participarán este verán nunha nova edición do campo de voluntariado internacional que promove o Goberno galego neste espazo. Trátase dunha das actividades incluídas na campaña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que, baixo o lema O teu mellor verán,  oferta máis de 11.500 prazas en actividades de lecer.

Tal e como explicou a directora xeral, o emprazamento das Illas Cíes acollerá durante os meses de xullo e agosto cinco quendas desta actividade que se levará a cabo nas instalacións da zona norte da illa de Monteagudo. Nestes meses, un cento de mozos do estranxeiro e outras comunidades autónomas participarán xunto con rapazada galega nun campamento de carácter ambiental.

Na visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor os “valores de respecto, conservación e protección do patrimonio natural” que supoñen este tipo de propostas dentro da oferta da Xunta de Galicia, xa que os voluntarios e voluntarias, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, realizarán tarefas de carácter medioambiental que serán compaxinadas con actividades de lecer e deportivas.

44 campos de voluntariado da Xunta por toda Galicia

En total, a campaña deste ano de Xuventude para os meses de verán oferta 695 prazas nos 44 campos de voluntariado, dos cales corresponden 14 á provincia de Pontevedra: Gándaras de Budiño (O Porriño), Aldea Alfacuca (Mos), O Camiño Portugués pola costa (Oia), Tradición en verde (Lalín), Salvemos o mar (Vilanova de Arousa), Rural influencers (Cerdedo-Cotobade), A terra que habita no mar (O Grove), Costa azul (Poio), ReseTea Ponteareas (Ponteareas) e as cinco quendas en Cíes.

Data de actualización: 29/05/2024