A Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Xunta identifica o presunto autor dun lume en Arteixo

Tras un traballo de investigación dende que se produce o incendio o pasado 12 de maio, conseguiuse recadar nas primeiras dilixencias probas indiciarias suficientes para poñer ao presunto autor a disposición xudicial

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

Axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, veñen de identificar o presunto autor dun lume na parroquia de Suevos, no concello coruñés de Arteixo, veciño precisamente desta parroquia.

Os axentes ambientais da UIFO empezaron a traballar sobre a zona onde se rexistrou o incendio o pasado 12 de maio, establecendo os axentes que as lapas se iniciaron en varios puntos e que foron provocados cunha clara intencionalidade. O traballo de investigación permitiu recadar as probas indiciarias suficientes para poñer a disposición xudicial á persoa que provocou os incendios forestais. As primeiras dilixencias de investigación foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 5 da Coruña.

O labor dos axentes da unidade de investigación desenvólvese en estreita colaboración co resto de axentes ambientais e persoal do dispositivo do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) está despregada por todo o territorio galego onde investiga os incendios forestais, recadando pescudas para identificar aos autores de provocar incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024