A nova estratexia da Xunta en seguridade e saúde no traballo pon o foco no avance cara unha protección máis eficaz dos riscos psicosociais nos espazos laborais

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, interveu hoxe na apertura da xornada técnica Xestión dos riscos psicosociais: abordaxe preventiva e normativa organizada polo Issga

Sinalou que o Plan de actuación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia para 2024 contempla a realización de accións formativas para incidir neste eido, xa que ten efectos sobre a saúde física e mental dos traballadores

A Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: horizonte 2027 recolle, entre outros, a importancia da investigación, sensibilización, información e asesoramento técnico ás empresas sobre a avaliación dos riscos psicosociais

Redondela (Pontevedra), 29 de maio de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, destacou hoxe a importancia que a Xunta está a darlle á prevención de riscos psicosociais nos espazos de traballo a través da nova Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: horizonte 2027. Salientou que este eido é clave para o Goberno galego na apertura da xornada técnica Xestión dos riscos psicosociais: abordaxe preventiva e normativa, organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) na súa sede da provincia de Pontevedra, que se empraza en Redondela.

Avanzar cara unha protección máis eficaz dos riscos psicosociais é un dos obxectivos estratéxicos da Xunta no eido da prevención de riscos laborais. En palabras de Fernández é preciso incidir na necesidade de avanzar na xestión e na calidade da acción preventiva neste ámbito, xa estea relacionado coas patoloxías non traumáticas, coa xestión da idade ou cos riscos derivados da evolución demográfica, tecnolóxica e as novas formas de organización no traballo.

Entre as medidas que se recollen nesta planificación están a de crear un espazo para a investigación, desenvolvemento e innovación en prevención dos riscos psicosociais e para a transferencia do coñecemento ou a sensibilización, información e asesoramento técnico ás empresas sobre a avaliación e as medidas de prevención neste eido.

Así mesmo, dentro do Plan de actuacións do Issga para o ano 2024 contémplase a realización de accións formativas propias ou en colaboración con outras entidades co obxecto de previr os riscos psicosociais.

Obxectivos da xornada

A xornada organizada hoxe polo Issga enmárcase nesta acción e nesta ocasión desenvólvese en colaboración con Aenor e ten como principal obxectivo promover actuacións de estudo, análise e identificación dos factores psicosociais sinalando os aspectos máis relevantes e concienciar da importancia dunha axeitada xestión preventiva.

Segundo  a Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, os riscos psicosociais e as súas consecuencias na saúde mental e física son algúns dos aspectos máis difíciles de atallar no ámbito da seguridade e a saúde no traballo. Ademais do seu efecto prexudicial na saúde individual, os riscos psicosociais tamén poden ter incidencia na eficiencia das organizacións.

A publicación do Criterio Técnico 104/2021 sobre actuacións da Inspección de Traballo e Seguridade Social en riscos psicosociais, puxo de novo o foco sobre a necesidade de que as empresas avalíen e xestionen correctamente estes riscos. O criterio, que se aborda na xornada de hoxe, incide no feito de que riscos psicosociais preferentemente deben ser contemplados dentro da avaliación xeral de riscos pola súa interacción con outros riscos, ou da opción a que se faga por separado como unha avaliación específica en todos os postos de traballo.

No acto, da man de Aenor, introducirase a Norma ISO 45003 enfocada á seguridade e saúde psicolóxicas no traballo, establecendo directrices para a xestión destes riscos. Exporanse os principios fundamentais da norma e abordaranse exemplos de implementación, resaltando as estratexias efectivas e as boas prácticas que as organizacións poden adoptar para promover un ambienta de traballo saudable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024