A Xunta someterá a unha nova avaliación de impacto ambiental o proxecto da rolda leste de Lugo na busca do maior consenso sobre o trazado

O Goberno galego á vista do proceso de información pública e tendo en conta as alegacións recibidas e informes recadados decide someter novamente o proxecto de Rolda Leste á consulta pública e á declaración de impacto ambiental

A Xunta atende así á nova demanda do Concello e da alcaldesa de Lugo que suporá un retraso mínimo dun ano nos trámites ata a licitación das obras

A Xunta cumpre desta forma co compromiso de consenso e reforza a seguridade xurídica dunha infraestrutura viaria tan importante para o futuro da cidade

Estase xa traballando para poder someter a información pública o proxecto e o estudo de impacto ambiental no outono

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024

A Xunta someterá a unha nova avaliación de impacto ambiental o proxecto actualizado da Rolda Leste, mantendo o obxectivo de impulsar esta infraestrutura e pechar o cinto de circunvalación previsto no PXOM de Lugo, dándolle continuidade o treito que resta desde a estrada autonómica LU-530 ata a N-VI.

Así o Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que queda sen efecto a información pública así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola última actualización deste proxecto, sometido o trámite de consulta pública en marzo de 2023.  No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240528/AnuncioG0181-150524-0001_gl.html

A Xunta atende así á presentación dunha serie de informes e alegacións durante a tramitación de información pública do proxecto actualizado, que consideraban que era necesario avaliar de novo a afección ambiental da actuación, a pesar de estar o trazado previsto no planeamento urbanístico de Lugo, e ter xa formulada una declaración de impacto ambiental favorable con anterioridade., que permitiu a viabilidade do treito I da actuación, xa executado e ao que agora se pretende dar continuidade.

En concreto, cómpre lembrar que o proxecto de trazado da Rolda Leste contaba xa cunha declaración de impacto ambiental aprobada no ano 2005, e a nova proposta que a resolución publicada hoxe no DOG deixa sen efecto, introducía melloras xa sobre aquel para minimizar as afeccións paisaxísticas e ambientais, ao tempo que respecta a reserva viaria prevista no PXOM elaborado polo Concello de Lugo.

A través da resolución publicada hoxe no DOG, o Goberno galego reinicia, novamente, o proceso para a busca do maior consenso posible sobre o trazado deste proxecto, recadando de novo os informes sectoriais e os estudos que sexan precisos para un novo proceso de información pública, no que se engade a consulta ambiental do proxecto que incluirá a avaliación de diferentes alternativas de trazado.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está xa traballando para poder someter a información pública o proxecto e o estudo de impacto ambiental no outono, co fin de non demorar máis do indispensable esta obra, mantendo o compromiso da Xunta de traballar para comezar a materializar, canto antes, a Rolda Leste de Lugo, á que se destinará un investimento autonómico de preto de 20 M€.

Data de actualización: 28/05/2024