A Xunta realiza un simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior de Cepsa en Maside

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na coordinación do exercicio para comprobar a eficiencia do operativo ante unha emerxencia real

Durante o exercicio soou a sirena que avisa á poboación en caso de activación do Plan de Emerxencia Exterior e simulouse un accidente de categoría 2 provocado por unha fuga de propano con dúas persoas feridas

O Goberno galego aposta pola prevención nas instalacións industriais con este tipo de exercicios que permiten minimizar os riscos ante unha posible incidencia

Maside (Ourense), 28 de maio de 2024

Xunta realizou esta mañá un novo exercicio de adestramento cun simulacro de emerxencia para comprobar a coordinación durante a activación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) de Gasib Sociedade Ibérica de Gas Licuado S.L.U. no concello ourensán de Maside.

Contou coa participación do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, como director do PEE que, unha vez recibida a información do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia e se decide a activación do plan e o disparo de sirenas de aviso á poboación asume a dirección das operacións e accións a realizar. Tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Este simulacro, que aparece contemplado dentro do PEE, consistiu na activación do plan por un accidente de categoría 2 producido por unha fuga en tubería fase líquida (FL) 6” de bomba de caudal, brida conexión entrada de líquido en bomba, charco de gas propano con formación de xeo e fuga con goteo continuada. Pese a non deflagrar e non incendiar, ao non cesar pola presión da liña e darse risco de deflagración foi preciso refrixerar para controlar e vaporizar o charco de gas, así como pechar válvulas das liñas FL13 e FL14 para reducir presións e que purgase a fuga.

Por mor desta situación, resultaron feridos dous operarios e, ademais, a sobrepresión no interior da planta e a radiación térmica afectaron ás vivendas anexas á planta.

Unha vez avisada á poboación coas sereas constitúense os centros de mando e control para coordinar a intervención -o Centro de Coordinación Operativa (CECOP), o SACOP e o Posto de Mando Avanzado (PMA)- coa correspondente mobilización dos efectivos, o perímetro de seguridade da zona ou o control de tráfico.

De feito, o director xeral de Emerxencias encargase de dirixir o CECOP constituíndose o comité asesor do que forman parte entre outros o subdirector de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas, o alcalde de Maside e representantes da industria. A dirección do PMA foi asumida polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.

Entre os efectivos desprazados destacan os bombeiros do parque de O Carballiño-Ribeiro, integrantes do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Ribadavia e do servizo de emerxencias de Ourense, así como axentes de forzas e corpos de seguridade -Garda Civil e Policía Autonómica- , persoas voluntarias da agrupación de Protección Civil de Maside e o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axega.

Para a atención sanitaria mobilizouse ao servizo territorial de Sanidade en Ourense, ao 061 e ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). No seguimento da intervención participaron responsables da empresa Gasib Sociedade Ibérica de Gas Licuado S.L.U, xunto con representantes do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e de departamentos da Xunta relacionados coas áreas de economía e industria, medio ambiente e sanidade.

A realización deste exercicio permite mellorar a coordinación dos organismos participantes e que a poboación da zona de Maside afectada por un suposto accidente, se familiarice co son da sirnea e sexa capaz de identificalo no caso de activación do Plan de Emerxencia Exterior.

Política de prevención

A Xunta aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias, liña na que se enmarcan os Plans de Emerxencia Exterior elaborados polo Goberno galego.

O obxectivo dun PEE é determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente que poida afectar as persoas e ao medio ambiente, establecéndose as medidas de protección necesarias coa mobilización dos recursos humanos precisos na intervención. 

A realización dos simulacros, permite a efectiva implantación dos plans e a súa mellora a través das experiencias obtidas no seu desenvolvemento.​

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2024